[31-01-2019] A Concellaría de Promoción Económica e Turismo vén de dar a coñecer os gañadores dos premios que quedaban por repartir da décimo terceira edición do Concurso de Escaparates de Nadal. Os establecementos galardoados co Premio especial do público son Arola Moda no Milladoiro, con 450 votos, e Queens Moda en Bertamiráns, con 152 votos. Asemade, a través dun sorteo levado a cabo entre a clientela que votou no concurso de escaparates, María Vilar Lagares, Lucía Puentes Vázquez e Mª Sol Vidal Otero resultaron gañadoras dun talón de 300 euros cada unha.
Pablo Suárez, da Asociación de Empresarios de Bertamiráns, Salomé Blanco, da Asociación de Empresarios do Polígono Novo Milladoiro, e José Manuel Fernández, da Asociación Viorneira Palmira Bulevar, tamén do Milladoiro, constituíron o xurado do XIII Concurso de Escaparates de Nadal 2018. Asemade, foron os encargados de efectuar o reconto dos votos que revelaron os gañadores do Premio Especial do Público, así como de extraer os boletos das gañadoras dos talóns das urnas. A técnica de Turismo, Sonia Moure, e o técnico AEDL, Jorge Couñago, asistiron en calidade de secretaria e secretario do xurado.
Así, dos 2.285 votos, dos cales 51 foron nulos por presentar algún espazo baleiro, 1.176 foron emitidos no Milladoiro e 1.109 en Bertamiráns. Tralo reconto dos boletos, os establecementos que recibiron o maior número de votos foron Arola Moda no Milladoiro, e Queens Moda en Bertamiráns, converténdose así nos gañadores do Premio Especial do Público, que leva consigo unha dotación económica de 200 euros para cada establecemento gañador. O segundo e o terceiro posto acadárono Aseguro e El Patio de mi casa Perfumes no Milladoiro, e o almacén de pensos Ricardo Paz Paz e Verónica Asorey Peluquería e Estética en Bertamiráns.
Por outra banda, realizouse o sorteo de tres cheques por valor de 300 euros cada un entre todas aquelas persoas que emitiron, polo menos, un voto para elixir o Premio Especial do Público. As premiadas foron María Vilar Lagares e Lucía Puentes Vázquez, ambas de Bertamiráns, e Mª Sol Vidal Otero, de Teo. Asemade, as dúas primeiras recibiron os seus boletos en Recunchos Didácticos, namentres Mª Sol o fixo en Arola.
Tamén se retiraron seis papeletas máis cos datos de aquelas persoas suplentes das gañadoras, e que obterían o premio no seu lugar en caso de non poder contactar con algunha das tres. Os e as suplentes son Ramón Fraga Calvo (boleto entregado por Adria) de Brión, Nuria Budiño González (Queens) de Bertamiráns, Esperanza Pouso Iglesias (Camisetas y Algo Más) do Milladoiro, Fátima Castelao Taboada (Recunchos Didácticos) de Brión, Daniel Suárez Sóñora (Farmacia Milladoiro) do Milladoiro, e Iago Castro Montero (Óptica Ollar) de Ames.
Por último, cómpre lembrar que o pasado 21 de decembro fixéronse públicos os establecementos galardoados pola súa destacada decoración, de acordo coas votacións efectuadas polo xurado designado polas asociacións de comerciantes e profesionais que están funcionando actualmente no concello. Nesta edición de 2018 participaron un total de 46 comercios, 23 en Bertamiráns e 23 no Milladoiro. Así, o primeiro premio recaeu en Kierete Peluquería do Milladoiro, mentres que o segundo premio foi para El Patio de Mi Casa-Perfumes, tamén do Milladoiro, e o terceiro premio levouno Antela Viaxes, de Bertamiráns.
Contido relacionado
Lindeiros: "Arola Moda e Queens Moda gañán o Premio Especial do Público no XIII Concurso de Escaparates de Nadal de Ames"
El Correo Gallego: "Premio especial do público para Queens e Arola Moda"