- Tematica
As bibliotecas amesás continúan cos actos polo 8M coa celebración do seu cuarto encontro literario do ano. Neste caso, terá lugar a presentación da revista MujerArt Magazine. Será o sábado 12 de marzo, ás 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Presentarán o acto Petronila Daza e Bea López Jerez, cunha “performance” a cargo das artistas multidisciplinares Natalia Horschovski, Celia Pía e Paula Quintas. Acompañan a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo. O evento, con entrada libre ata completar aforo, é parte da programación do 8M do Concello de Ames.
As bibliotecas de Ames continúan coa súas actividades de animación á lectura co que será o segundo dos tres encontros literarios incluídos na programación do 8M. A semana pasada foi a quenda da autora novel amesá Ana Veiga, mentres que a semana que vén, o mércores 16, será Inma López Silva a que pase polo Pazo da Peregrina.
A revista MujerArt é unha publicación dixital que deu os seus primeiros pasos en 2021, co obxectivo de dar voz a mulleres artistas do pasado e do presente. Por unha banda, o proxecto pon o seu foco en figuras artísticas femininas do pasado, esquecidas ou invisibilizadas pola historia polo feito de seren mulleres. Por outra, a revista ábrese ao público e busca mulleres artistas nadas antes do 1980, que poden mandar as súas propostas en catro linguas (galego, español, francés ou inglés).
Unha das metas principais desta revista, gratuíta e sen ánimo de lucro, é evitar repetir discriminacións e erros do pasado, que provocaron que as mulleres estean infrarepresentadas na historia da arte, e que aínda hoxe en día dificultan atopar a artistas e coñecer as súas traxectorias.
A presentación da revista estará conducida pola fundadora do proxecto, a xestora cultural Beatriz López Jerez, e pola poetisa Petronila Daza. Ademais, durante o acto a artista plástica Natalia Horschovski; a tamén artista plástica e música, Celia Pía, e a artista de circo e bailarina,Paula Quintas, realizarán unha “performance”.
Ao encontro literario acudirán tamén a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo.
A programación ao completo dos actos do 8M en Ames pódese consultar premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A revista MujerArt Magazine chega este sábado os salóns do pazo da Peregrina"