Pestanas principais

A revista MujerArt protagoniza o segundo dos “Encontros Literarios en Ames” da programación do 8M

Xoves, 10 de marzo de 2022

As bibliotecas amesás continúan cos actos polo 8M coa celebración do seu cuarto encontro literario do ano. Neste caso, terá lugar a presentación da revista MujerArt Magazine. Será o sábado 12 de marzo, ás 13:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Presentarán o acto Petronila Daza e Bea López Jerez, cunha “performance” a cargo das artistas multidisciplinares Natalia Horschovski, Celia Pía e Paula Quintas. Acompañan a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo. O evento, con entrada libre ata completar aforo, é parte da programación do 8M do Concello de Ames.

As bibliotecas de Ames continúan coa súas actividades de animación á lectura co que será o segundo dos tres encontros literarios incluídos na programación do 8M. A semana pasada foi a quenda da autora novel amesá Ana Veiga, mentres que a semana que vén, o mércores 16, será Inma López Silva a que pase polo Pazo da Peregrina.

A revista MujerArt é unha publicación dixital que deu os seus primeiros pasos en 2021, co obxectivo de dar voz  a mulleres artistas do pasado e do presente. Por unha banda, o proxecto pon o seu foco en figuras artísticas femininas do pasado, esquecidas ou invisibilizadas pola historia polo feito de seren mulleres. Por outra, a revista ábrese ao público e busca mulleres artistas nadas antes do 1980, que poden mandar as súas propostas en catro linguas (galego, español, francés ou inglés).

Unha das metas principais desta revista, gratuíta e sen ánimo de lucro, é evitar repetir discriminacións e erros do pasado, que provocaron que as mulleres estean infrarepresentadas na historia da arte, e que aínda hoxe en día dificultan atopar a artistas e coñecer as súas traxectorias.

A presentación da revista estará conducida pola fundadora do proxecto, a xestora cultural Beatriz López Jerez, e pola poetisa Petronila Daza. Ademais, durante o acto a artista plástica Natalia Horschovski; a tamén artista plástica e música, Celia Pía, e a artista de circo e bailarina,Paula Quintas, realizarán unha “performance”.

Ao encontro literario acudirán tamén a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Igualdade, Luisa Feijóo.

A programación ao completo dos actos do 8M en Ames pódese consultar premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A revista MujerArt Magazine chega este sábado os salóns do pazo da Peregrina"

A revista MujerArt protagoniza o segundo dos “Encontros Literarios en Ames” da programación do 8M

Multimedia

  • A revista MujerArt protagoniza o segundo dos “Encontros Literarios en Ames” da programación do 8M