Solapas principales

Comeza unha nova edición dos Encontros Literarios coa presentación de “A carón do lume” de Mónica Prego

Viernes, 29 de noviembre de 2024

Este mes de decembro retómase o programa “Encontros Literarios de Ames”, desta volta coa presentación de “A carón do lume”, a primeira obra da escritora Mónica Prego Franqueira. O encontro literario terá lugar o mércores, 18 de decembro, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e marca o inicio da edición 2024-2025 deste programa. A entrada será libre ata completar aforo.

Deste xeito, o Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas Municipais, retomará unha actividade que promove a literatura en galego e, en moitas ocasións, recoñece a escritores afincados no noso concello.

Mónica Prego
Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Mónica (Ordes, 1975) comezou a compaxinar  en 2017 o seu traballo coa publicación na rede de receitas de cociña no blog Pandebroa, xuntando así dúas das súas paixóns: a literatura e a gastronomía.

“A carón do lume”, publicado pola Editorial Galaxia, recompila receitas galegas, e pon en valor esas tradicionais comidas que preparaban as avoas a carón da lareira, e  pretende espertar un recordo, transmitir o sentir e a historia que van da man de cada unha destas comidas. Con esta obra, a autora homenaxea a riqueza da gastronomía galega dende as súas raíces.

Programación dos Encontros Literarios 2024-2025
A nova edición dos encontros literarios comeza a andar neste vindeiro mes de decembro e continuará no inicio 2025 con outras citas xa programadas. Entre elas, a presentación, o vindeiro 23 de xaneiro, da obra “Runrún” de Ana Varela Miño. Ao longo das vindeiras semanas anunciaranse os vindeiros encontros do programa.

Comeza unha nova edición dos  Encontros Literarios coa presentación de “A carón do lume” de Mónica Prego

Multimedia

  • Comeza unha nova edición dos  Encontros Literarios coa presentación de “A carón do lume” de Mónica Prego