- Tematica
Este mes de decembro retómase o programa “Encontros Literarios de Ames”, desta volta coa presentación de “A carón do lume”, a primeira obra da escritora Mónica Prego Franqueira. O encontro literario terá lugar o mércores, 18 de decembro, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e marca o inicio da edición 2024-2025 deste programa. A entrada será libre ata completar aforo.
Deste xeito, o Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas Municipais, retomará unha actividade que promove a literatura en galego e, en moitas ocasións, recoñece a escritores afincados no noso concello.
Mónica Prego
Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Mónica (Ordes, 1975) comezou a compaxinar en 2017 o seu traballo coa publicación na rede de receitas de cociña no blog Pandebroa, xuntando así dúas das súas paixóns: a literatura e a gastronomía.
“A carón do lume”, publicado pola Editorial Galaxia, recompila receitas galegas, e pon en valor esas tradicionais comidas que preparaban as avoas a carón da lareira, e pretende espertar un recordo, transmitir o sentir e a historia que van da man de cada unha destas comidas. Con esta obra, a autora homenaxea a riqueza da gastronomía galega dende as súas raíces.
Programación dos Encontros Literarios 2024-2025
A nova edición dos encontros literarios comeza a andar neste vindeiro mes de decembro e continuará no inicio 2025 con outras citas xa programadas. Entre elas, a presentación, o vindeiro 23 de xaneiro, da obra “Runrún” de Ana Varela Miño. Ao longo das vindeiras semanas anunciaranse os vindeiros encontros do programa.