- Tematica
Dende o Concello de Ames infórmase que debido á posibilidade de que este venres pola tarde caía algún chuvasco, trasládase o IV Encontro das Escolas Municipais de Música ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O horario de inicio mantense para as 19.00 horas. Nesta cuarta edición da xuntanza participarán, ademais do alumnado da propia Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), as Escolas Municipais de Música de Muros e Caldas de Reis, o gañador do concurso "Quero Cantar" na categoría infantil, Gael, e as gañadoras dese mesmo certame na categoría xuvenil, Emma e Candela. A EMMA está a celebrar o seu vinte aniversario.
Este venres a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a cuarta edición no Encontro das Escolas Municipais de Música, un evento organizado pola EMMA no que se pretende crear un espazo no que compartir a paixón pola música e aprender entre o alumnado das diferentes escolas. O acto leva por nome Música na praza, e nel reuniranse arredor de 100 alumnos/as da Escola Municipal de Ames, Muros e Caldas de Reis.
O concerto dará comezo ás 19.00 horas e terá unha duración aproximada de hora e media. O grupo que abrirá o encontro será a agrupación de violín Xóvenes águilas Aga Mainska da EMMA, que interpretará “Secrets”. De seguido, haberá unha actuación de solo a piano na que se tocará a peza “Epiphany”.
Tras as primeiras actuacións por parte do alumnado da escola amesá, será a quenda das escolas convidadas. En primeiro lugar, actuará a agrupación de guitarras de Caldas de Reis e, a continuación, actuará o combo infantil de Muros, que interpretarán un mix de diferentes cancións, incluíndo un tema propio.
O encontro seguirá coa actuación do gañador do certame Quero Cantar na categoría infantil, Gael. Tamén estarán presentes as gañadoras amesás deste certame na categoría xuvenil, Emma e Candela, ámbalas dúas alumnas da EMMA.
Xa na recta final do concerto, o combo xuvenil da EMMA interpretará un mix de cancións, nas que soarán temas coñecidos por todo o mundo como “Física o química” ou “Sweet Child O’Mine”.
A penúltima agrupación en actuar será o combo de adultos da escola de Muros e, pechando o concerto, o combo de adultos da EMMA Extrema función interpretará un mix de diferentes temas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Uns cen alumnos tocan no Encontro de Escolas Municipais de Música en Ames"
Diario de Santiago: "A Praza de Chavián, en Bertamiráns, acollerá mañá, venres 25 de abril, o IV Encontro das Escolas Municipais de Música"
AMSGO!: "A Praza de Chavián acollerá mañá, venres 25 de abril, o IV Encontro das Escolas Municipais de Música"