- Tematica
A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) organiza o IV Encontro das Escolas Municipais de Música, que se celebrará mañá, venres 25 de abril. Os concertos terán lugar na Praza de Chavián, en Bertamiráns, a partir das 19.00 horas. Nesta cuarta edición da xuntanza participarán, ademais do alumnado da propia EMMA, as Escolas Municipais de Música de Muros e Caldas de Reis, o gañador do concurso Quero Cantar na categoría infantil, Gael, e as gañadoras dese mesmo certame na categoría xuvenil, Emma e Candela. A EMMA está a celebrar o seu vinte aniversario.
Este venres a Praza de Chavián acollerá a cuarta edición no Encontro das Escolas Municipais de Música, un evento organizado pola EMMA no que se pretende crear un espazo no que compartir a paixón pola música e aprender entre o alumnado das diferentes escolas. O acto leva por nome Música na praza, e nel reuniranse arredor de 100 alumnos/as da Escola Municipal de Ames, Muros e Caldas de Reis.
O concerto dará comezo ás 19.00 horas e terá unha duración aproximada de hora e media. O grupo que abrirá o encontro será a agrupación de violín Xóvenes águilas Aga Mainska da EMMA, que interpretará “Secrets”. De seguido, haberá unha actuación de solo a piano na que se tocará a peza “Epiphany”.
Tras as primeiras actuacións por parte do alumnado da escola amesá, será a quenda das escolas convidadas. En primeiro lugar, actuará a agrupación de guitarras de Caldas de Reis e, a continuación, actuará o combo infantil de Muros, que interpretarán un mix de diferentes cancións, incluíndo un tema propio.
O encontro seguirá coa actuación do gañador do certame Quero Cantar na categoría infantil, Gael. Tamén estarán presentes as gañadoras amesás deste certame na categoría xuvenil, Emma e Candela, ámbalas dúas alumnas da EMMA.
Xa na recta final do concerto, o combo xuvenil da EMMA interpretará un mix de cancións, nas que soarán temas coñecidos por todo o mundo como “Física o química” ou “Sweet Child O’Mine”.
A penúltima agrupación en actuar será o combo de adultos da escola de Muros e, pechando o concerto, o combo de adultos da EMMA Extrema función interpretará un mix de diferentes temas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Uns cen alumnos tocan no Encontro de Escolas Municipais de Música en Ames"
Diario de Santiago: "A Praza de Chavián, en Bertamiráns, acollerá mañá, venres 25 de abril, o IV Encontro das Escolas Municipais de Música"
AMSGO!: "A Praza de Chavián acollerá mañá, venres 25 de abril, o IV Encontro das Escolas Municipais de Música"