- Tematica
O Concello de Ames organiza, co control técnico da Federación Galega de Atletismo, a primeira edición do Cros Concello de Ames, que será a súa vez Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto. As probas realizaranse este sábado, 12 de outubro, na localidade de Aldea Nova, a carón das pistas municipais de tenis de dita localidade. Nas categorías escolares inscribíronse 102 rapaces e rapazas, mentres que no campionato galego de remudas hai 48 atletas inscritos/as (12 equipos de catro participantes cada un, con dúas mulleres e dous homes por equipo). Nesta edición do campionato da Xunta de Galicia incrementouse a participación en 4 equipos respecto da pasada edición.
A primeira edición do Cros Concello de Ames, que será a súa vez Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto, celebrarase este sábado 12 de outubro, na localidade de Aldea Nova, a carón das pistas municipais de tenis de dita localidade. A saída e chegada de cada proba farase preto deste punto, o cal estará debidamente sinalizado. Nas probas (agás no Campionato da Xunta de Galicia) poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
Nas categorías escolares inscribíronse 102 rapaces e rapazas, mentres que no campionato galego de remudas hai 48 atletas inscritos/as (12 equipos de catro participantes cada un, con dúas mulleres e dous homes por equipo). Nesta edición incrementouse a participación en 4 equipos respecto da pasada edición.
Dentro das categorías escolares, na categoría sub 16 e sub 18 feminina hai 12 persoas inscritas; na categoría sub 16 e sub 18 masculina participarán 16 rapaces; na categoría sub 14 feminina hai 18 rapazas inscritas; na categoría sub 14 masculina son 13 inscritos; na categoría sub 12 feminina hai outras 13 nenas inscritas; na categoría sub 12 masculino haberá unha participación de 15 nenos; na categoría sub 10 feminina participarán 10 nenas; e na categoría sub 10 masculina hai 10 nenos inscritos.
Os dorsais retiraranse ata media hora antes do inicio de cada proba na secretaría da organización situada a carón do circuíto de cros de Aldea Nova. Os/as atletas participantes no Campionato Xunta de Galicia de Remudas Mixtos deberán ter en conta os horarios de cámara de chamadas publicados na web https://www.atletismo.gal/ e incluídos na propia circular do Campionato.
Categorías, distancias e horarios
Establécense 9 categorías: relevo mixto (6.000 metros aproximadamente – 4x1.500 metros); sub 16 e sub 18 feminino e masculino (3.000 metros aproximadamente); sub 14 feminino e masculino (1.500 metros aproximadamente); sub 12 feminino e masculino (1.000 metros aproximadamente); e sub 10 feminino e masculino (1.000 metros aproximadamente). As probas comezarán ás 11.00 horas co relevo mixto e pecharanse ás 13.35 horas coa proba sub 10 masculina. A entrega de trofeos está prevista para as 13.50 aproximadamente. Para máis información pódese consultar o regulamento do I Cros Concello de Ames.
As probas estarán controladas por un chip – dorsal que deberá levarse colocado na parte anterior do corpo, en toda a súa extensión. Todo/a corredor/a que chegue á meta sen o seu dorsal – chip, será automaticamente descualificado/a. Os horarios das saídas poderán ser modificados, a criterio do xuíz árbitro da proba, en función do número de participantes de cada categoría.
Entrega de trofeos
Recibirán un trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría establecida no presente regulamento. En cada proba popular (de sub 10 a sub 16), darase a maiores un trofeo ao primeiro/a amesán e amesá (deberá estar empadroado no Concello de Ames no momento de celebración da proba). Este premio/trofeo será acumulativo cos da clasificación xeral de cada proba. Para o Campionato da Xunta de Galicia de remudas mixtos, outorgaranse os premios publicados na web https://www.atletismo.gal/ e incluídos na circular do Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto.