Solapas principales

17 Asociacións participarán na I Feira da Saúde e o Ben-Estar de Ames que se celebra esta fin de semana no Pazo da Peregrina

Martes, 06 de abril de 2021

“A saúde como moito máis que ausencia de enfermidade”. Con esta filosofía nace a I Feira da Saúde e o Ben_Estar de Ames que esta fin de semana congregará no Pazo da Peregrina actividades ao aire libre, deporte, xogos, unha exposición, a proxeccións de documentais e relatorios relacionados con distintos aspectos da saúde e o benestar. O evento está organizado pola concellaría de Sanidade como colofón á Semana da Saúde que estes días se desenvolve no concello. Conta co apoio de 17 asociacións e no programa inclúense actividades para a infancia, para os/as adultos/as e algunhas nas que pode participar toda a familia. Podes consultar aquí os horarios dos faladoiros e mailo programa de actividades da Feira da Saúde e Ben-Estar.

A concelleira de Sanidade e Promoción da saúde, Luísa Feijóo, e a técnica de Promoción da saúde, Rosana Martínez, presentaron esta mañá no Pazo da Peregrina a primeira edición da Feira da Saúde e Ben-Estar, que se desenvolverá en Ames durante toda a xornada do sábado, 10 de abril, e na mañá do domingo 11.

Os obradoiros “Pesca o teu menú” e “Un Prato con moito tino”, dirixidos a que a infancia adquira nocións de alimentación saudable abrirán a xornada os dous días de Feira. Haberá xogos a través dos que a rapazada e os maiores aprenderán como afrontar as intolerancias, como alimentarse con xeito ou que cuestión une dereitos humanos e alimentación. O coidado do corpo estará presente nos obradoiros de marcha nórdica, ioga terapéutico, xerontoximnasia, Corpo e Consciencia, Ponte en marcha e na andaina polo Rego dos Pasos que guiará o sábado, a partir das 17:30, a técnica de Medio Ambiente, Patricia Reboreda. FEGADACE proxectará nunha carpa varios documentais relacionados co dano cerebral. ANEDIA trae a súa exposición “Os Bolechas saben o que a diabetes” e a meirande parte dos relatorios estarán protagonizados por asociacións relacionadas coa saúde que decotío traballan co Concello.

“Dalgún xeito, a Feira nace para darlle visibilidade e agradecer o traballo que as distintas asociacións relacionadas coa saúde fan con nós, ao longo de todo o ano”, manifestou Luísa Feijóo, a concelleira de Sanidade, na presentación do evento. Feijóo dixo tamén que a Feira nacía con vocación de continuidade e lembrou o gran impulso que supuxo para todo o seu departamento o Premio á Calidade que recibiron recentemente: “Desde todas as actividades que programamos e desde a Escola de Saúde que creamos o pasado ano o que pretendemos é tratar á saúde como moito máis que “non enfermidade” e que eses hábitos saudables que promovemos se sigan durante todo o ano, independentemente de que se celebre o “día de” ou “a semana de”; a nosa intención é a de seguir traballando e afondando en saúde e facelo en colaboración con todas estas asociacións que van estar presentes na Feira”.

A técnica de promoción da saúde, Rosana Martínez, agradeceu tamén “a participación e a implicación das asociacións e as distintas propostas que ofreceron para o evento”. Rosana explicou que se realizarían actividades para adultos/as, nenos e nenas e outras nas que podería participar toda a familia. Matizou que as actividades físicas distribuiranse en distintos espazos polos xardíns do pazo e lembrou que para algunhas delas, concretamente para Ponte en marcha, andaina polo rego dos pasos, xerontoximnasia e ioga terapeútico hai que inscribirse con anticipación.

Aquelas persoas que desexen inscribirse nas actividades de “Ponte en marcha”, andaina polo Rego dos Pasos, xerontoximnasia e Ioga Terapeútico deberán enviar un correo electrónico a promociondasaude@concellodeames.gal, especificando a cal delas queren apuntarse. Ao pé desta nova podes consultar os PDF e cartelería coa programación de actividades e faladoiras da feira.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea una Feira da Saúde con 17 asociaciones y dos días de actividades"

El Correo Gallego: "Bertamiráns acoge el ferial más saludable de la comarca"

Presentación da Feira da Saúde e Ben-Estar

Multimedia

  • Cartaz da Feira da Saúde e Ben-Estar
  • Cartel co programa de faladoiros da Feira da Saúde e Ben-Estar
  • Cartel co programa de actividades da Feira da Saúde e Ben-Estar