- Tematica
228 persoas solicitaron permiso para facer a cacharela esta noite de San Xoán en Ames. O lume arderá só en terreos e fincas particulares. A pandemia da Covid-19 limita este ano a realización das fogueiras e sardiñadas ao ámbito privado. As fogueiras deberán estar debidamente separadas de vivendas, árbores, tendidos eléctricos e vehículos. Ademais, as persoas responsables de cada lumieira deberán vixiar o lume até a total extinción do mesmo e ter a man os teléfonos da Policía Local, Protección Civil e Emerxencias. Co gallo de priorizar a seguridade e a protección da saúde pública, recoméndase asemade que as xuntanzas non superen as 25 persoas. O Concello insiste na necesidade de respectar a distancia interpersoal de metro e medio e no uso das máscaras cando non se cumpra esta medida.
As normas e recomendacións para a contención da pandemia e a alerta diante da posibilidade de rebrotes, debuxan unha noite de San Xoán distinta. Contrariamente ao acontecido noutros anos, non arderán as lumieiras organizadas por asociacións veciñais nas prazas e nas rúas públicas e só poderán acender o lume aqueles particulares que, vía telemática, solicitaron o permiso antes do dia 22 de xuño.
Este ano solicitáronse 236 permisos. Autorizáronse 228. 8 foron denegados porque as solicitudes eran para espazos públicos ou foran presentadas fora de prazo. Ames é a parroquia onde máis cacharelas arderán esta noite despois de que se pedisen 45 permisos. Séguenlle as parroquias de Ortoño e Biduído con 39 peticións e Bugallido con 38. A parroquia de Covas solicitou permiso para 25 cacharelas, A Ameixenda para 16, Agrón para 12 e Piñeiro para 4. As parroquias de Lens e de Tapia solicitaron un permiso cada unha delas.
Normas especiais por mor da pandemia
Este ano, quen participe nestas celebracións privadas do San Xoán deberá ter en conta o cumprimento das medidas de seguridade establecidas polas autoridades no que respecta á distancia interpersoal de 1,5 metros e ao uso de máscara cando no se cumpra esta distancia mínima.
Nas zonas urbanas, o volume da cacharela non excederá os dous metros de diámetro, os seis de perímetro e os tres de altura. Na zona rural poderá medir até 3 metros de diámetro, 9 de perímetro e tres de altura, segundo recolle o Bando da Alcaldía, emitido para dar conta das “Normas para cacharelas e sardiñadas”.
No devandito bando ditamínase tamén que a separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será como mínimo de 20 metros. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen vehículos nin produtos inflamables.
Ademais prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Tampouco se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprais), aínda que estean baleiros.
No caso de que se levante o vento e poida dificultarse a vixianza e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse.
Teléfonos de urxencia
Cómpre salientar asemade que os organizadores e organizadoras das cacharelas deben coidar os arredores e ter a man os seguintes números de teléfonos: Policía Local 619 767 575, Protección Civil de Ames 673 178 888 e Emerxencias 112.
A fogueira permanecerá vixiada polas persoas responsables até a súa total extinción, que deberá ser asegurada empapando os restos con auga, e asegurándose de que as cinzas queden absolutamente apagadas.