- Tematica
O Concello de Ames vai celebrar a vindeira fin de semana, o 23 e 24 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, a cuarta edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”. O obxectivo é poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte a través dun escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade cóntase con 25 expositores confirmados de Ames e diversas localidades de Galicia. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas e maila música tradicional. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa completo da Feira.
A Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” segue medrando e xa chega á súa cuarta edición. Un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que se desenvolverá ao longo de dúas xornadas, os días 23 e 24 de novembro. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que este nos ofrece. Na actualidade cóntase con 25 expositores confirmados. Ademais, haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas.
Este ano contarase tamén con catro exhibicións, catro obradoiros e diversas degustacións nas que os visitantes poderán deleitarse cunha gama de produtos gastronómicos, dende pans artesanais e aceites galegos ata costela de porco celta e hamburguesas de vaca de cría extensiva.
Esta mañá foi presentado o programa da feira no campo da festa de Trasmonte. Ao acto acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; e maila técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, sinala que “a Feira do Monte xa é un referente entre as feiras galegas, pois xa son os expositores os que contactan co Concello para vir á feira. Ese ano tivemos que facer un filtro e limitar o número de expositores a 25, algo que valoramos moi positivamente porque demostra que esta é unha feira con moito futuro que comeza a ter sona entre o sector da artesanía e o produto de proximidade”. Tamén destacou a importancia deste evento á hora de poñer en valor o traballo vencellado ao medio natural: “É necesario ver a importancia das profesións sostibles vencelladas ao monte, que moitas veces non son sinxelas e que non están suficientemente valoradas. Son profesionais que arriscan os seus recursos para darlle unha volta ao monte e poder facer un aproveitamento máis sostible dos recursos que ofrece”.
Pola súa banda, a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, afirmou que “estamos moi contentos coa acollida dos artesáns. Pouco a pouco foise correndo a voz e este ano temos moita variedade tanto de produtos como de puntos de orixe, con empresas de distintos puntos de Galicia. Agardamos unha gran acollida e que tanto a veciñanza do concello como da contorna se achegue ata Trasmonte para desfrutar destas dúas xornadas”.
O encargado de pechar o evento foi o alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, que explicou que “a Feira do Monte medra en número de días, pasando de un a dous, e medra tamén en número de expositores. Este ano tivemos que deixar fóra algúns expositores e iso é unha clara mostra do peso que esta collendo esta feira. A nós o que nos interesa tamén é que vaia collendo peso entre a veciñanza de Ames e da contorna, por iso este ano imos a reforzar a difusión e tamén imos a habilitar un sistema de autobús baixo demanda dende o rural e unha liña de autobús dende os núcleos urbanos para achegarse a Trasmonte. Somos un concello que temos moito monte e moitas persoas que se dedican a actividade agrícola, por iso cremos que é importante que a veciñanza de Ames coñeza todo o que nos pode ofrecer o monte”.
Servizo de autobús
Unha das novidades destacadas desta edición é que contará con servizo de autobús para todos aqueles veciños e veciñas que desexen achegarse ata Trasmonte para desfrutar da feira. Haberá liñas directas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Deste xeito, ofrecerase servizo de ida e volta tanto pola mañá como pola tarde:
- » Ida:
- Mañá: saída ás 11:30 horas
- Tarde: saída ás 16:00 horas
- » Volta: liñas directas de volta ás 15:00 e ás 19:30 horas.
A veciñanza das distintas parroquias tamén poderán empregar o servizo de transporte para ir á feira baixo solicitude. Para iso, poden contactar coa Aula da Natureza ata o 20 de novembro a través do enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou no teléfono 660 004 665, indicando nome completo, horario no que se vai facer uso do bus, parade de recollida (tomaranse como referencia as paradas habituais de transporte) e un teléfono de contacto.
Expositores participantes
Dende a organización destacan que están satisfeitos de que a feira vaia medrando en cada edición e se consolide como unha actividade de outono dentro da programación do Concello de Ames. Haberá expositores de castañas, tecidos naturais, cestería, aceites galegos, artesáns que elaboran cosmética natural e vegana, un torneiro que elabora utensilios de cociña, etc; así como un mercado ecolóxico e de proximidade.
Deste xeito está confirmada a presenza das empresas amesás Silvereira (bixutería en madeira), Tudesbroce (maquinaria forestal) e Labralia (material agrícola), así como do lutier Xosé Tuñas, afincado no concello. Na feira estarán acompañados de Queixos Vallelongo (alimentación artesá), Castrexa (agricultura), Malas Herbas (xoiería artesanal), De Rositas (artesanía con papel reciclado), Fento do Vento (deseño de pezas artesanais), Jose Manuel Prado (artesá que elabora traballos en madeira), Casperlota (estampación de tecidos naturais), Cabanas rural (tratamento da la), Xosé Tuñas (lutier), Comunidade de Montes de Baroña (aproveitamento multifuncional do monte), Embruxo (aceites galegos artesanais), Planeta ECCO (cosmética natural), Siitake Trives (produción e comercialización de shiitake), Amarelante (castañas ecolóxicas), CinePorCel (porco celta), Hifas da Terra (fungos ecolóxicos), Cova da Vella (produtos apícolas), Licores Barbudos, Comeluz (impresión en madeira), Origen vuelta a lo natural (tés e cafés sostibles), Viveiros de Galicia e Robus Rubra (fariñas e tintas de landra).
Ademais, esta cita conta coa colaboración das indicacións xeográficas protexidas “Castaña de Galicia” e “Mel de Galicia”.
Música, exposicións e degustacións
O evento tamén dará espazo ás artesanías, con exhibicións sobre o proceso de fiado de la de ovella galega, a fabricación e reparación artesanal de instrumentos musicais, a elaboración de tinta de escritura a partir de landras ou sobre o traballo de torneado da madeira.
Ademais, haberá degustación de hamburguesas (carne de vacún de cría extensiva), de asado de porco celta, de fabas con cogomelos, de chourizos de carne de poldro e de pans artesanais, así como de aceites galegos e de castañas. Durante a xornadas do sábado tamén haberá unha pulpería que ofrecerá polbo, churrasco e carne ó caldeiro a prezos populares.
A feira tamén contará cunha ampla oferta de obradoiros. O sábado 23 de novembro haberá un obradoiro de enxertos, en horario de 11:00 a 13:30 horas, mentres que pola tarde haberá unha exposición e exhibición de cogomelos, de 16:00 a 18:30 horas. Xa o domingo, pola mañá aquelas persoas que o desexen poderán aprender a cultivar shiitake entre as 11:00 e as 12:30 horas, e cara o mediodía poderán acudir a un obradoiro de estampado vexetal, de 12:30 a 13:30 horas. Para participar en calquera deles é preciso inscribirse a través do enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou no teléfono 660 004 665.
Igual que en edicións anteriores, este ano tamén se contará con música tradicional para amenizar as xornadas da feira. O sábado 23, o grupo As Maianas actuará de 13:30 a 14:30 horas, mentres que o domingo 4 a agrupación Airiños do Paseo de Colón ofrecerá un pase de 12:30 a 14:30 horas.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La Feira do Monte de Ames contará con 25 expositores"