Solapas principales

300 ciclistas participarán na segunda proba da Transgalaica que se celebrará este domingo en Ames

Viernes, 14 de marzo de 2025

O concello de Ames acolle un ano máis a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2025. Este domingo, 16 de marzo, será a novena ocasión na que o concello acolla este evento deportivo, unha das citas con maior repercusión no mundo do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay (Transgalaica), conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces, facendo así en total unha proba de 64 quilómetros. Na proba están inscritos un total de 301 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.

Un ano máis, o circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa por Ames, na que é xa a novena cita consecutiva desta proba no noso concello, sen contar o paro de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid. A carreira, que se celebrará este domingo 16 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2025. A primeira etapa celebrouse o pasado 2 de marzo en Cerdedo-Cotobade e contou coa organización do Monteferro Bike Club.

Os 301 ciclistas inscritos nesta edición terán que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64 quilómetros e que conta cun desnivel de 1.501 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade, establécese un control de paso no quilómetro 33 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 10 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “sempre é un orgullo que se celebren estas probas deportivas en Ames, sabemos que teñen unha gran aceptación. Pecháronse finalmente as listas de inscrición con 300 persoas, un número moi bo de participantes. Agardamos que os ciclistas que gocen dunha boa mañá deportiva, que o tempo acompañe e que desfruten do que Ames lles pode ofrecer”.

A proba dará comezo ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Aguapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro, o Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Aldea Nova. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:49 e a segunda sobre as 12:03 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Así mesmo, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

Unha das principais novidades deste ano será a incorporación adicional dunha carreira sprint, na que o seu resultado computará puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuarán os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta.

Percorrido
O percorrido desta edición será semellante ao das pasadas edicións. Na segunda volta, non se subirá á zona de Aldea Nova e os participantes irán directamente polo sendeiro fluvial “Rego dos Pasos”, que estará debidamente indicado o propio día da proba. Pódese consultar a ruta oficial da proba deste domingo na páxina de wikiloc.

Pódese consultar completa a guía do ciclista da proba deste ano na seguinte ligazón.

Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico por ser o punto de saída e meta. Pódense consultar as restriccións na seguinte ligazón.

Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo desde Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada-Bertamiráns), AC-453 (Roxos– Portomouro) e AC-543 (Santiago–Bertamiráns).

Participación e inscricións
Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2025, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.

As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster), Transgalaica do Futuro (Junior federados masculina e feminina) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As inscricións están abertas ata este mércores 12, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es. As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 20 euros (excepto os federados Junior, que competirán a un custe de 0€), mentres que as non federadas deberan abonar 32 euros (22 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día).

Orde de saída e clasificacións
A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores, establecerase unha clasificación por categorías para a que puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.

Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina ( S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster).

Imaxe de arquivo correspondente á proba da Transgalaica en Ames no 2023

Multimedia

  • 300 ciclistas participarán na segunda proba da Transgalaica que se celebrará este domingo en Ames