O Trouleando do mes de febreiro foi un éxito. Na saída ao campo de paintball do Eo dos Menecos, en Teo, participaron 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 21 anos e foron moitos e moitas os que quedaron na listaxe de agarda. Ao longo dunhas tres horas a rapazada amesá gozou dunha tarde de diversión, xogo en equipo e contacto coa natureza. A Concellería de Mocidade xa está argallando unha nova edición do Trouleando para o mes de marzo coa que sorprender á rapazada amesá.
Os dez mil metros cadrados do campo de paintball do Eo dos Menecos, situado en Oza, no concello de Teo, foron o escenario do Trouleando do mes de febreiro. Ata alí desprazáronse corenta rapaces e rapazas de entre 12 e 21 anos para gozar dunha actividade en equipo, que combinou exercicio, estratexia, contacto coa natureza e moita adrenalina.
A xornada comezou coa formación de dous equipos. Un para os/as nenos/as de 12 e 13 anos e outro para os maiores de 14. A continuación o persoal especializado do campo de paintball mostroulles como manexar o material, as regras de xogo e as medidas de seguridade a ter en conta. Tras o achegamento teórico arrancou a diversión co obxectivo claro de eliminar aos compañeiros e compañeiras empregando as marcadoras de aire comprimido que disparan bólas de pintura biodegradables.
A rapazada amesá pasou tres horas entre carreiras, estratexias, tiros, emoción e moita diversión. Ao longo da tarde os mozos e mozas participantes puideron planificar e mellorar as súas estratexias, perfeccionar o seu tiro e agudizar a súa valentía.
A Concellería de Mocidade xa está preparando unha nova edición do Trouleando para o mes de marzo coa que sorprender á rapazada amesá.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "A mocidade colaborou e ensaiou estratexias cun paintball de Trouleando"