Coa asistencia do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de deportes, Susana Señorís, presentouse esta mañá o “XII campionato de Galicia 5K Ruta” que se desenvolverá o domingo, 26 de setembro, en Bertamiráns. 400 atletas federados están inscritos nesta proba que se realizará nun circuíto urbano homologado cuxo inicio e remate sitúase na rúa alcalde Lorenzo. Coa realización desta proba, Ames convertese na primeira sede deste campionato.
A concelleira de deportes de Ames, Susana Señorís, agradeceu ao presidente da Federación Galega de Atletismo e ao alcalde de Ames a presenza na presentación e o apoio ao longo de toda a preparación do evento. Señorís amosou tamén o desexo de que esta proba, “realizada nun circuíto que gusta moito sexa un pequeno comezo para empezar a coller ritmo deportivo no concello”.
Pola súa banda, o presidente da Federación galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, amosou a súa satisfacción por “volver ás competicións de ruta” e gabou a Ames como “un concello que aposta polo deporte, polo Atletismo e nun circuíto fermoso, do agrado dos atletas” Lembrou Hornillos as medidas Covid que rexerán na proba, entre as que destacan que os atletas sairán de dez en dez e desexou que “o domingo sexa un día de festa para o atletismo galego”.
O alcalde de Ames, Blas García, amosouse tamén satisfeito “por estar dando pasos para volver á normalidade” e dixo que “todas estas citas deportivas que se empezan a celebrar son moi importantes”. “Este concello fai unha aposta importante polo deporte en xeral e moi decidida polo atletismo”, dixo García, antes de anunciar que “a concelleira de deportes está traballando a reo para poñer en marcha novas instalacións para a práctica do atletismo no vello campo de fútbol de Ventín, en Biduído e queremos que Ames se converta nun centro onde veñan atletas de toda Galicia”. Lembrou asemade o alcalde de Ames que “na zona onde se vai facer a proba veñen a adestrar moitos atletas de fora do concello” e dixo que “seguiremos apostando e espero que sexa a primeira de moitas probas galegas deste ano que se celebren no concello de Ames”.
Circuíto urbano
A proba desenvolverase nun circuíto urbano homologado que parte da rúa Alcalde Lorenzo, preto da praza do Concello, continúa pola DP-0205 até a vía de servizo da depuradora (Vía transversal ao Río Sar), despois pasa pola Urbanización Agro do Muiño con dirección á DP-0205 de volta e chega de novo á rúa Alcalde Lorenzo, preto da da saída, onde estará marcada a liña de meta.
As saídas terán lugar a partir das 10:30. Farase unha serie coas 10 mellores marcas de inscrición. O resto dos participantes agruparanse polas súas categorías.
Os tres primeiros atletas clasificados en cada unha das categorías recibirán unha medalla conmemorativa.
Durante a celebración das probas aplicarase o protocolo COVID-19 establecido pola FGA que inclúe o aforo controlado por zonas e diversos controis polo circuíto.
Novas relacionadas
Revista AmesGO: "O XII Campionato de Galicia 5K Ruta busca devolver a normalidade ao deporte este sábado en Bertamiráns"