- Tematica
O Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística organizan unhas xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa que busca o achegamento, a posta en valor e o aproveitamento dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística. Desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Nestas xornadas participarán 50 persoas, na súa maioría docentes. Inicialmente ofertábanse 40 prazas pero, dada a demanda existente, decidiuse incrementalas ata 50 para darlle cabida a todas as persoas interesadas.
O acto de apertura das I Xornadas de Toponimia celebrarase este mércores, 18 de setembro, ás 16.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Intervirán o alcalde de Ames, José Miñones, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o secretario da Rea Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo.
A toponimia conforma un patrimonio compartido de enorme riqueza que se foi construíndo na lingua propia da xente que habitaba este territorio, un patrimonio que está na base da nosa identidade colectiva como galegas e galegos. Con estas xornadas preténdese achegar o profesorado a este ben colectivo, poñelo en valor e aproveitalo como ferramenta de normalización lingüística e como recurso educativo para diferentes áreas.
A través destas xornadas divulgarase a riqueza da nosa toponimia para contribuír ao recoñecemento do seu valor como patrimonio inmaterial e sinal de identidade colectiva e de identificación co territorio; achegar o profesorado asistente aos conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos...); coñecer as ferramentas e recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aproximarse ás diferentes aplicacións didácticas que pode ter a toponimia, especialmente relevantes en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...; coñecer, deseñar e poñer en común proxectos colaborativos para traballar cos nomes de lugar nos diferentes niveis e áreas de ensino incidindo na conservación e transmisión do patrimonio; e fomentar a través da toponimia a implicación social da comunidade amesá no proceso de normalización lingüística.
Estas xornadas están dirixidas, preferentemente, ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames co obxectivo de que sexan o xerme de proxectos colaborativos para traballar en normalización lingüística coa toponimia como un dos eixos transversais. Desenvolveranse de forma presencial no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Ademais, cada participante nas xornadas deberá completar 4 horas de traballo persoal non presencial. En total serán 16 horas de formación, homologadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Descarga aquí o PDF co programa das xornadas.
Contidos das xornadas
Nestas xornadas achegaranse nocións sobre os conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…); divulgación da toponimia amesá; recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...; utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística; e propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Alén da base teórica das diversas intervencións, as xornadas serán fundamentalmente prácticas. Nelas daranse a coñecer propostas para traballar coa toponimia desde diferentes áreas e niveis co obxectivo de que xurdan proxectos colaborativos que impliquen e estimulen a comunidade amesá no proceso de normalización lingüística. Para obter o certificado de asistencia cómpre participar, como mínimo, no 80% das horas totais do curso e presentar unha proposta de actuación.