Solapas principales

65 rapaces e rapazas participan este verán dos Campamentos Urbanos de Natureza

Sábado, 18 de julio de 2020

Traballos na horta, xogos, obradoiros, excursións, visitas á praia, aprendizaxe lúdica sobre plantas medicinais e fósiles, cociña divertida, deporte, teatro, cancións... O Campamento Urbano de Natureza ampliou quendas este ano e por primeira vez incluíu comedor na primeira delas. 65 rapaces e rapazas participan en total nas tres quendas. Algúns deles repiten dunha para outra. Moitos e moitas levan asistindo a esta actividade, verán tras verán, desde que eran uns e unhas cativiñas. O campamento urbano desenvólvese en plena natureza. A sede é a antiga escola de Quintáns, na parroquia da Ameixenda, remodelada seguindo criterios de bioconstrución e perfectamente integrada no entorno rural onde se atopa.

"En Ames, Naturalmente" é o lema elixido este ano para os campamentos urbanos de natureza, un programa da Aula da Natureza que axuda a conciliar a vida laboral das familias ao tempo que pon en contacto aos nenos e as nenas de Ames coa natureza. Os campamentos están destinados ao alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria. Cada quenda conta con 30 prazas e o seu prezo é de 50 euros.

Malia as normas de seguridade e hixiene pola COVID-19 que reducen o número de participantes en actividades de carácter social, os campamentos Urbanos de Natureza, dependentes do departamento de Medio Ambiente, incrementaron as súas quendas e reciben este ano a 65 rapaces e rapazas. A demanda provocou que se fixeran tres quendas, no canto das dúas que adoitaban organizarse en anteriores anos.

Na quenda que se desenvolveu entre o 22 e o 30 de xuño incorporouse por primeira vez o servizo de comedor. Participaron nenos de entre seis e catorce anos que chegaban ás 10.00 da mañá e marchaban ás 18:00 horas. Os e as participantes acondicionaron a horta, plantaron leitugas, espinacas, acelgas e cebolas; encargáronse diariamente da rega e de arrincar as malas herbas, aprenderon que hai cultivos que se complementan entre si e outros que se asocian prexudícanse. Tamén fixeron unha excursión á praia da Aguieira e adquiriron coñecementos sobre as cunchas e outros restos de ribazo que atoparon na baixa mar. Percorreron a ruta do Rego da Andoriña e recolleron plantas medicinais coas que elaboraron cremas, ungüentos e vaselinas. O brilé foi o xogo preferido dos rapaces e rapazas que participaron na primeira quenda do campamento Urbano.

A segunda quenda comezou a súa estadía na aula da Natureza o día 6 de xullo e está previsto que remate o 17 do mesmo mes. Nesta ocasión, a actividade desenvólvese no tradicional horario de tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas. A maioría das e dos participantes veñen repetindo a asistencia ao campamento de urbano de natureza dende a primeira edición. Tiñan entón seis e sete anos, fixeron amizades e agora agardan con ilusión cada novo campamento para reencontrarse con eses amigos e esas amigas. Os obradoiros de fósiles, as cometas, os traballos manuais con materiais de reciclaxe, arcos e frechas e xogos por equipos que fomentan a colaboración e a posta en común dos grupos son algunhas das actividades que se desenvolven nesta segunda quenda do campamento urbano. Está previsto asemade que realicen unha ruta polo rego de Riamontes e a "tradicional" tarde de auga e xogos na praia fluvial de Tapia.

Está previsto que a terceira quenda, que se desenvolverá na última quincena de xullo, respecte o formato de 16.00 a 20:00 horas, aínda que variaranse as actividades porque hai nenos e nenas inscritos que xa participaron de quendas anteriores.

A situación da crise sanitaria xerada pola Covid-19, fai que os campamentos urbanos deban adaptar as súas novas necesidades, polo que se deberán ter en conta medidas de prevención como a redución de ratios, aumentar as labores de limpeza e desinfección, determinar os equipos de protección para monitores e usuarios e redefinir as actividades que se poderán levar a cabo sen risco de contaxios.

Rapazada no campamento urbano

Multimedia

  • Rapazada no campamento urbano
  • Rapazada no campamento urbano
  • Rapazada no campamento urbano