Solapas principales

770 escolares serán os primeiros espectadores da quinta edición do festival Cinema Miúdo

Martes, 22 de noviembre de 2022

Os días 24, 25, 26 e 27 de novembro o Concello de Ames prenderá o proxector das Casas de Cultura do Milladoiro e Bertamiráns e recibirá a centos de nenos e nenas ávidos de desfrutar de boas historias na pantalla. Isto é posible grazas a Cinema Miúdo, o festival internacional de cinema infantil que a Concellaría de Cultura de Ames organiza desde 2018 e que inclúe a proxección de máis de 60 curtametraxes internacionais, un obradoiro, actuacións e música. Preme nesta ligazón para ver o catálogo do festival.

Os e as primeiros e primeiras en encher as salas será o alumnado de sete centros educativos do concello: EEI O Milladoiro, EEI da Igrexa, EEI de Covas, CEP de Ventín, CEIP da Maía, CEIP de Barouta e CEIP do Agro do Muíño. En total, máis de 770 menores asistirán a 10 pases divididos en dous bloques de idades: 6º de infantil e de 5º e 6º de primaria.

As sesións terán lugar o xoves 24 e o venres 25 pola mañá e consistirán nunha escolma de curtametraxes escollidas polo equipo de programación do certame co obxectivo de divertir e promover unha ollada crítica nos miúdos e miúdas. Dado que coinciden co Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, algúns dos filmes proxectados xirarán arredor desta temática, promovendo a conciencia dos nenos e nenas e propiciando o posterior debate nas aulas. Outros traballos seguirán a liña temática do certame, que esta edición ten por lema Unha aperta ao planeta, amosando realidades, tanto felices como críticas, do medio ambiente e da relación dos humanos co mesmo.

A partir do venres 25 pola tarde, o certame abrirá as súas portas ao público xeral, acollendo a todas aquelas persoas miúdas e adultas que queiran achegarse ao cinema infantil dun xeito diferente, a través dunha sección oficial formada por películas internacionais que non chegan habitualmente ás salas de cinema e que amosan realidades e puntos de vista de cada recuncho do mundo, promovendo unha ollada global e solidaria.

O programa inclúe ademais un obradoiro de zootropos, o xoguete precursor do cinema, as actuacións de Barafunda e Peter Punk, proxeccións complementarias e unha sesión de videoclips. A entrada a todas as actividades é gratuíta, pero é recomendable reservar con antelación na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

37 curtametraxes a concurso
A sección oficial está formada por 37 curtametraxes seleccionadas entre as máis de mil recibidas polo equipo de programación. Como en anos anteriores, estarán divididas en seis bloques, 3 da categoría axóuxeres e 3 de buxainas. Esta división faise atendendo tanto á temática dos filmes como a súa idade recomendada: Axóuxeres, para nenos e nenas de 2 a 7 anos, e Buxainas, para desfrutar a partir dos 7 anos. Os filmes proceden de diferentes países como Francia, Noruega, China, Rusia, Portugal e Estonia. Tamén hai representación das diferentes comunidades españolas, así como traballos galegos.

Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace da Concellaría de Cultura do Concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo, ao proxectar curtametraxes dos cinco continentes.

Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Concierto didáctico en Ordes y Cinema Miúdo en Ames"

Cartaz do festival internacional de cine infantil de Ames

Multimedia

  • Cartaz do festival internacional de cine infantil de Ames