Solapas principales

Aberta ao público a mostra sobre o Camiño de Fisterra e Muxía que está exposta na Casa da Cultura de Bertamiráns

Miércoles, 21 de diciembre de 2022

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ata o 26 de decembro unha exposición itinerante do Camiño de Fisterra e Muxía. A mostra pódese visitar en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Cómpre destacar que o sábado 24 e mailo domingo 25 de decembro a Casa da Cultura de Bertamiráns estará pechada. Tras estar en Ames a mostra continuará a súa itinerancia polos concellos de Cee, Corcubión, Dumbría e Fisterra. O director da mostra, que está organizada por Expogal, é Pepe Barro, deseñador e autor do proxecto Até o Fin. O deseño correu a cargo do arquitecto, Mario Crecente, e as imaxes son do fotógrafo Álvaro Arribi. As persoas que visiten a exposición poderán facer achegas sobre o Camiño na web www.ateofin.gal ou a través do correo electrónico asociacion@ateofin.gal.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este mércores 21 de decembro, ás 10:30 horas, a inauguración da exposición itinerante do Camiño de Fisterra e Muxía, baseada nas conclusións do ciclo de conferencias organizado pola Asociación no Museo do Pobo Galego no mes de novembro e que contou coa participación dalgúns dos principais estudos desta ruta xacobea, como son Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; Antón Pombo, doutor en Historia Contemporánea, investigador e xornalista especializado no Camiño de Santiago; Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; e Pepe Barro, deseñador gráfico e autor da marca do Camiño de Fisterra e Muxía.

No acto de inauguración, por parte do Concello de Ames participaron o alcalde, Blas García, o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure. Por parte do Concello de Negreira asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Mar García Vidal, e maila concelleira de Educación, Teresa Duro Leis. Tamén estivo no acto Sebastián Rodríguez, de Expogal, organizador da mostra.

Pepe Barro, director da mostra, indica que é un resumo de por que cómpre ir a Fisterra e Muxía: “Intenta explicar o sentido histórico e actual. Ten unhas corenta imaxes de gran tamaño, impresas directamente sobre madeira, algo que transmite natureza. É moi visual, e fíxose un esforzo especial na brevidade dos textos para condensar as mensaxes. Quixemos converter a erudición en comunicación”. Estruturada en oito seccións, a exposición fala das terras do fin do mundo, lendas xacobeas, peregrinos actuais e históricos, as etapas da ruta, albergues, lugares significativos e a tradicional vieira, entre outros temas. As imaxes son do fotógrafo Álvaro Arribi.

Pepe Barro acredita cincuenta anos no ámbito do deseño gráfico, con ampla experiencia na dirección e coordinación de exposicións. Entre outras moitas, Barro fixo a museoloxía da Casa-Museo de Rosalía de Castro (Padrón) e de Ramón Cabanillas (Cambados), así como a mostra inaugural da Cidade da Cultura, Ex libris.

Obxectivo da exposición
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, sinalou que o obxectivo da exposición é “que quede delimitado ao cen por cen o trazado do Camiño de Fisterra, que é un camiño xa recoñecido pola Xunta de Galicia. Con isto estamos demostrando a historicidade que ten este camiño, para que se recoñeza ese trazado oficial, que é o que nos falta”. Así mesmo, explicou que a mostra “conta con varias partes. Na primeira é onde se representan os oitos camiños de Santiago que teñen recoñecemento oficial da Xunta, e despois ten unha segunda na que se fala da historicidade do camiño que nos ocupa, xa que o Camiño de Fisterra era xa un camiño de peregrinación antes incluso do cristianismo”.

Manuel Lens tamén destacou que se abarcan “as diferentes etapas do Camiño, así como o símbolo da vieira, que está moi relacionada co Camiño de Fisterra, porque é onde o camiño de Santiago toca co mar”. Animamos a toda a veciñanza, tanto de Ames como da contorna, a que veña a vela, estará en Ames ata o día 26”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, manifestou a súa satisfacción “por dúas razóns, porque haxa esta exposición hoxe aquí, e porque a Asociación de Camiños de Fisterra e Muxía se poña en marcha definitivamente”. Manifestou, ademais, que “é moi bo poñer en valor este camiño, que, ademais, é dos máis transitados”. “O Camiño de Fisterra é un camiño singular, moi bonito, e que compartimos con Negreira”, destacou.

O rexedor engadiu que “debemos seguir traballando nesta liña, conxuntamente con todos os concellos polos que discorre ese camiño, e que esta iniciativa sexa unha de moitas máis das que vaiamos desenvolvendo”.

Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía
A Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, composta polos municipios de Ames, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Negreira e Santiago de Compostela ten como obxectivo promover a defensa e mellora do patrimonio natural e histórico-artístico do percorrido, planificar e acometer iniciativas de desenvolvemento sostible do territorio, canalizar a promoción turística e elaborar programas turísticos e medioambientais.

Neste 2022 promovemos a posta en marcha dun plan de actuación orientado á mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas. O obxectivo final é a posta en valor deste itinerario, que é unha das rutas principais do Camiño de Santiago recollida na lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, co obxectivo último da súa delimitación.

Este plan permitiu desenvolver un conxunto de 11 actuacións, grazas ás achegas financeiras ordinarias e extraordinarias dos concellos e co cofinanciamento da Deputación da Coruña para o conxunto do proxecto, ao que se suma unha axuda para a promoción do Camiño da Axencia Turismo de Galicia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Arranca en Ames una muestra itinerante sobre el Camiño de Fisterra-Muxía"

El Correo Gallego: "El Camino a Fisterra y Muxía ya tiene muestra"

Imaxe da inauguración da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía

Multimedia

  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía
  • Imaxe da exposición sobre o Camiño de Fisterra e Muxía