A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, organiza a cuarta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames, cuxo obxectivo é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega está aberto ata o 10 de novembro de 2024. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com.
O certame ponse en marcha por cuarto ano consecutivo da man de XEA, coa colaboración do Concello de Ames, a través dos departamentos de Medio Ambiente e Turismo. Neste certame poden participar todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando unha única fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta.
As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por categoría. Neste senso a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure, explica que “nesta edición cambiouse a categoría macro pola categoría patrimonio para potenciar que a xente coñeza mellor o concello e realice fotografías de elementos patrimoniais, material (igrexas, pontes, pazos, etc.) e inmaterial, como poden ser festas ou eventos relevantes”. Ademais, explicou que nesta edición “ampliase o prazo de presentación das fotografías”.
Existen tres categorías diferentes: paisaxe, patrimonio e artística. Na categoría paisaxe a fotografía debe mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén poden centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes. Na categoría patrimonio a fotografía debe recoller o patrimonio material (igrexas, cruceiros, pontes, muíños, etc) ou inmaterial (tradicións ou expresións vivas, verbenas, romarías, etc.) do noso concello. Por último, na categoría artística permítese a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal. Esta categoría está relacionada cun aspecto máis subxectivo e surrealista.
Presentación das obras
As obras deberán ser enviadas xunto co impreso de inscrición ao correo electrónico enfocames@gmail.com. A Xuntanza de Empresarios de Ames resérvase o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. Ademais, as persoas participantes darán o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram Xuntanza Empresarios Ames e no Facebook Xuntanza de Empresarios de Ames co hashtag #enfocames. O prazo de entrega das imaxes vai do 11 de outubro ao 10 de novembro de 2024.
Premios
As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA. Ademais, por primeira vez as persoas premiadas recibirán un galardón que tamén foi presentado hoxe. O resultado do concurso será publicado o día 19 de novembro nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames. As persoas agraciadas serán notificadas mediante chamada telefónica.
Novas relacionadas:
Bisbarra: "O Concurso Enfoca Ames pecha o día 10 a recepción de fotografías"