Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición da campaña de neve da Deputación da Coruña na estación de Valgrande – Pajares

Lunes, 11 de noviembre de 2024

Un ano máis Ames é un dos concellos participantes na campaña de esquí organizada pola Deputación da Coruña entre o 10 de xaneiro e o 17 de febreiro de 2025. O programa está dirixido a rapaces e rapazas que teñen entre 11 e 15 anos cumpridos a 31 de decembro de 2024. Ao Concello de Ames correspóndenlle 15 prazas na sexta quenda que será do 14 ao 17 de febreiro de 2025. Ademais, dos cursos de esquí, os participantes poderán realizar actividades complementarias ou alternativas no caso de que non se poida esquiar. O prazo de inscrición está aberto dende o 8 de novembro ata o 2 de decembro. Para iso hai que entregar o impreso de solicitude nos rexistros municipais.

As rapazas e rapaces amesás viaxarán a Asturias na sexta quenda de concellos que establece a Deputación. Deste xeito, poderán gozar de catro días (do 14 ao 17 de febreiro) na estacional invernal e de montaña de Valgrande – Pajares. A cota de inscrición, de 85 euros, inclúe transporte, estadía e manutención na estación invernal, así como monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen estas actividades e cursos. Para dispor de máis información pódese premer nesta ligazón.

O número de prazas ofertadas para o concello de Ames é de quince, ás que só poden optar as persoas empadroadas no municipio. Ademais, terán preferencia as mozas e mozos que non foran a ningunha campaña de neve anterior da Deputación. No caso de que as solicitudes excedan o número de prazas ofertadas, realizarase un sorteo público o 4 de decembro na Casa do Concello, para determinar as persoas que participarán e aquelas que quedan en lista de agarda por se falla algún dos participantes.

Recoméndaselle ás persoas asistentes levar consigo certa roupa e equipamento se fora posible, como un gorro, luvas, gafas de esquí ou de sol, anorak térmico, pantalóns impermeables, roupa de rúa e deportiva, chuvasqueiro, unha mochila pequena, útiles de aseo, pixamas e roupa interior, así como crema protectora solar cun factor mínimo de 25.

Información sobre o proceso de inscrición
A inscrición debe de formalizarse ata o 2 de decembro, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas, nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns) ou ben a través da Sede electrónica do Concello de Ames. As persoas responsables dos menores que queiran participar deben entregar a ficha de inscrición asinada, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, e unha copia do documento de identidade ou libro de familia. Unha vez confirmada a praza, débese entregar unha copia do aboamento da cota de inscrición.

No caso de que algunha nena ou neno participante precise dun tratamento específico ou sufra dalgunha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante especificar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo. Preme nesta ligazón para descargar o impreso de autorización para a administración de medicación e información sobre alerxias e intolerancias alimentarias.

Para máis información pódese acudir á esta páxina web da Deputación da Coruña, chamar ao número de teléfono 981 080 319 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete.deportes@dicoruna.gal.

Aberto o prazo de inscrición da campaña de neve da Deputación da Coruña na estación de Valgrande – Pajares

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición da campaña de neve da Deputación da Coruña na estación de Valgrande – Pajares