- Tematica
A Aula da Natureza organiza unha nova actividade dentro da súa programación deste outono. Trátase dun obradoiro de artesanía no que cada participante elaborará o seu propio tapiz con fibras naturais e nós de macramé. O taller terá lugar os días 12 e 13 de novembro nas instalacións da Aula, no lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda, e haberá servizo de autobús dende O Milladoiro e Bertamiráns. Para participar é necesario inscribirse previamente. O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de novembro. Hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal
A programación de outono da Aula da Natureza continúa en novembro cun obradoiro para aprender a facer tapices con fibras naturais e nós de macramé. O curso terá unha duración de dúas xornadas: o sábado 12 de novembro desenvolverase de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas, e o domingo 13, de 11:00 a 13:30. As persoas que queiran comer na Aula da Natureza o sábado poden levar comida da casa e quedar alí á hora de xantar.
O taller impartirase nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns, e haberá un servizo de autobús para achegarse alí. Sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:30 e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10:45. As prazas son limitadas e para participar cómpre inscribirse previamente. O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de novembro. Hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 004 665.
A programación de outono da Aula da Natureza leva en marcha dende setembro con numerosos obradoiros e actividades, e estenderase ao longo de todo este mes con outras dúas propostas: “Anacos de bosque. Xoias con materias do monte”, que consiste en elaborar xoias propias con materiais do monte e se celebrará os días 19 e 26 de novembro, e “Ceo de inverno”, unha observación do ceo de inverno dende o monte de San Marcos, que terá lugar o 26 de novembro se a climatoloxía o permite.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Obradoiro para aprender a facer tapices naturais"