Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición nas sesións de ioga terapéutico da Escola de Saúde

Lunes, 09 de octubre de 2023

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde organiza, un ano máis, as clases de ioga terapéutico, que se enmarcan dentro do novo curso da Escola de Saúde. As persoas interesadas en participar nesta actividade, que se desenvolverá tanto no Milladoiro como en Bertamiráns dende o 16 de outubro ata o 27 de xuño, poden facelo premendo nesta ligazón e cubrindo o formulario. O prazo para anotarse remata o xoves 12 de outubro, ás 14:00 horas. Terán prioridade as persoas empadroadas no concello de Ames.

O pasado 2 de outubro deu comezo un novo curso da Escola de Saúde, que se inaugurou coas clases de taichi tradicional e de chi kung. O vindeiro luns, día 16, empezaranse a impartir tamén as sesións de ioga terapéutico. A actividade desenvolverase en espazos interiores: no pavillón polideportivo do Milladoiro terá lugar os luns e mércores, de 10:00 a 11:00 horas, mentres que en Bertamiráns será no Pazo da Peregrina, os martes e xoves de 10:00 a 11:00 horas e os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas.

O ioga combina o exercicio físico coa meditación para conseguir un resultado terapéutico. Trátase dunha práctica que conecta o corpo, a respiración e a mente. Nela empréganse posturas físicas, exercicios de respiración e meditación para mellorar a saúde. Ademais de axudar a potenciar a flexibilidade, serve para reducir a presión arterial e a frecuencia cardíaca, reducir o estrés, mellorar a coordinación, facilitar a dixestión...

As persoas interesadas en anotarse poden facelo cubrindo este formulario ata o 12 de outubro, ás 14:00 horas. Terán prioridade os/as empadroados en Ames. Para calquera dúbida pódese consultar co departamento de Promoción da Saúde escribindo ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal. As clases darán comezo o 16 de outubro e rematarán o 27 de xuño de 2024.

Escola Municipal de Saúde
A Escola Municipal de Saúde naceu coa intención de establecer e impulsar estratexias dirixidas a fomentar o desenvolvemento de ferramentas e habilidades encamiñadas a coidar de xeito efectivo a saúde, entendida dende un punto de vista holístico. Tamén ten o obxectivo de promover a adopción de hábitos e estilos de vida saudables e fomentar a corresponsabilidade das persoas no coidado da súa saúde, acadando unha maior calidade de vida.

A través das actividades da Escola Municipal de Saúde as persoas participantes compartirán un espazo de encontro onde se abordará e se traballará, coa guía de expertos/as, diferentes temas relacionados co autocoidados, a prevención, o benestar emocional, a parentalidade positiva... Tamén se afondará na promoción de hábitos de vida saudables como son a actividade física, a alimentación saudable e a prevención de condutas aditivas… e en aspectos claves do benestar (resolvendo dúbidas, compartindo diálogo, etc).

Cartaz das sesións de ioga terapéutico da Escola de Saúde

Multimedia

  • Cartaz das sesións de ioga terapéutico da Escola de Saúde