Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición nas sesións de taichi/chi kung da Escola de Saúde

Lunes, 23 de septiembre de 2024

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde organiza, un ano máis, as clases de taichi/chi kung, que se enmarcan dentro do novo curso da Escola de Saúde. Ofreceranse clases adaptadas a todos os niveis. As persoas interesadas en participar nesta actividade, que se desenvolverá tanto no Milladoiro como en Bertamiráns dende o 2 de outubro ata o 30 de xuño, poden tramitar a inscrición premendo nesta ligazón e cubrindo o formulario. O prazo para anotarse remata o luns 30 de setembro, ás 14:00 horas. Terán prioridade as persoas empadroadas no concello de Ames. 

O vindeiro 2 de outubro, dá comezo un novo curso da Escola de Saúde, que, por terceiro ano consecutivo, ofrece clases de taichi/chi kung. A actividade impartirase en espazos exteriores (sempre e cando a meteoroloxía o permita): na contorna do pavillón deportivo do Milladoiro, os luns e mércores de 17:00 a 18:00 horas, e nos xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, os luns e mércores de 10:00 a 11:00 horas. Ofreceranse clases adaptadas a todos os niveis.

As persoas interesadas en anotarse poden facelo cubrindo este formulario antes do 30 de setembro, ás 14:00 horas. Terán prioridade os/as empadroados en Ames. Para calquera dúbida pódese consultar co departamento de Promoción da Saúde escribindo ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal. As clases darán comezo o 2 de outubro e rematarán o 30 de xuño de 2025.

O taichi yang tradicional require de atención total, movemento constante e de intensidade axustable. Nutre e fortalece a túa estrutura e mailo sistema inmune. Está baseado na medicina tradicional china e combina saúde e arte marcial. Por outra banda, o chi kung permite gañar flexibilidade, relaxación e calma mental mediante exercicios dinámicos e estáticos, técnicas meditativas e respiratorias da medicina tradicional china.

Escola Municipal de Saúde
A Escola Municipal de Saúde naceu coa intención de establecer e impulsar estratexias dirixidas a fomentar o desenvolvemento de ferramentas e habilidades encamiñadas a coidar de xeito efectivo a saúde, entendida dende un punto de vista holístico. Tamén ten o obxectivo de promover a adopción de hábitos e estilos de vida saudables e fomentar a corresponsabilidade das persoas no coidado da súa saúde, acadando unha maior calidade de vida.

A través das actividades da Escola Municipal de Saúde as persoas participantes compartirán un espazo de encontro onde se abordará e se traballará, coa guía de expertos/as, diferentes temas relacionados co autocoidados, a prevención, o benestar emocional, a parentalidade positiva... Tamén se afondará na promoción de hábitos de vida saudables como son a actividade física, a alimentación saudable e a prevención de condutas aditivas… e en aspectos claves do benestar (resolvendo dúbidas, compartindo diálogo, etc).

Aberto o prazo de inscrición nas sesións de taichi/chi kung da Escola de Saúde

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición nas sesións de taichi/chi kung da Escola de Saúde