- Tematica
O festival feminista de arte urbana e contextual, o Delas Fest, desenvolve por primeira vez en Ames o Familia Delas Fest, un obradoiro que busca achegar á cativada á arte urbana contextual dun xeito lúdico. Será este venres, 1 de setembro, ás 17:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A actividade destínase a familias con crianzas a partir de 3 anos. Para inscribirse é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal ou cubrir este formulario.
Para celebrar a súa quinta edición, o Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual, estrea o Familia Delas Fest, un espazo onde descubrir a arte urbana contextual coa familia dunha forma divertida. Así, os asistentes experimentarán con materiais e ferramentas, traballando de xeito interxeracional.
Os participantes realizarán unha pequena investigación de recollida previa de nomes propios na súa familia. Posteriormente, plasmaranse eses nomes con sprai en man, empregando esténciles e creando letras con resultados sorprendentes. Todas as pinturas serán con base de auga, evitando así a toxicidade doutros disolventes. Para que as crianzas e persoas adultas pinten con tranquilidade, recoméndase levar zapatos e roupa cómoda, que non sexan prendas delicadas e que poidan mancharse.
A actividade terá lugar no exterior do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o venres 1 ás 17:00 horas (salvo condicións meteorolóxicas adversas, caso no que se trasladará ao interior). Os interesados poden inscribirse ata o xoves 31 enviando un correo a 7hcoop@7hcoop.gal ou cubrir este formulario.
Delas Fest
Desenvolto anualmente dende 2019 en diversas localizacións da bisbarra compostelá, o Delas Fest é o primeiro festival de arte urbana e contextual que se celebra en Europa con perspectiva de xénero. Cun cartel composto unicamente por nomes femininos, o seu programa de actividades combina intervencións artísticas, obradoiros de creación, xornadas de análise e experimentación colectiva e encontros de convivencia entre veciñanza e creadoras co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Delas Fest exporta la cultura urbana a Teo, Ames, Santiago y Brión desde el feminismo"