Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para o contacontos “Este queixo queixolán”, do programa Apego, que se celebrará este 11 de maio

Lunes, 08 de mayo de 2023

Trala celebración da IV Festa do Apego continúa a programación do programa Apego cunha nova actividade a cargo de Pavís Pavós. Desta volta, organízase o contacontos “Este queixo queixolán” que se vai a realizar este xoves 11 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 horas.  As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

O xoves, 11 de maio, ás 18.00 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle unha nova actividade do programa Apego. Trátase de “Este queixo queixolán”, un espectáculo de Pavís Pavós, que nos traerá unha maleta cargada de contos, cantos, arrolos e xogos recuperados da tradición oral, e enriquecerá as familias e as súas crianzas con recursos moi divertidos, lúdicos e cheos de apego. Este contacontos está dirixido a familias con crianzas de 0 a 6 anos.

O taller é de balde, e as familias interesadas en participar deben enviar un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian a acudir. O prazo de inscrición está aberto ata este mércores 10 de maio. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Pavís Pavós estará no Milladoiro este xoves 11 de maio co espectáculo “Este queixo queixolán”

Multimedia

  • Cartaz do espectáculo “Este queixo queixolán”