Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para participar na IV edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará o 2 de abril

Miércoles, 08 de marzo de 2023

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a IV edición do “Trail e Andaina Ribeiras do Tambre”, que se desenvolverá o vindeiro domingo 2 de abril. A saída do trail terá lugar ás 10:00 horas dende Ponte Maceira. Cinco minutos máis tarde, e desde o mesmo lugar, sairá a andaina. Para participar é necesario inscribirse a través de emesports.es. O prazo remata o 29 de marzo ás 23:59 horas. A proba enmárcase dentro da especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Poderá participar calquera deportista, estea ou non federado. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil. 

Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 16 quilómetros aproximadamente. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia da Ameixenda.

Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma e a distancia un pouco menor, duns 15 quilómetros.

Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub ata o punto de saída en Ponte Maceira, a partir das 8:15 horas.

Por outra banda, establecerase un tempo de corte para ambas competicións. Dito tempo de corte será de 1 hora e 15 minutos dende a saída para o trail (11:15 horas) e de 2 horas e 20 minutos dende a saída para a andaina (12:20 horas). Os/as participantes que chegado ese momento non completasen a proba serán retirados da competición e trasladados ao punto de meta.

Categorías e recollida de dorsais
No trail haberá varias categorías: sénior masculino e feminino (persoas que teñen 18 anos cumpridos o día da proba), máster 1 masculino e feminino (persoas de 35 a 40 anos), máster 2 masculino e feminino (persoas de 41 a 49 anos), máster 3 masculino e feminino (persoas de 50 ou máis anos) e absoluta masculino e feminino (calquera das categorías anteriores).

Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina será de 12 anos.

Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e de 11 euros para os participantes no trail, e poderán recollerse a partir das 8:15 horas nas instalacións do Real Aeroclub en Ames.

Premios e agasallos
Outorgaranse premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, ademais de premios aos catro primeiros clubs da clasificación do trail. Así mesmo, todos os participantes levarán un agasallo técnico pola súa participación (que poderán recoller xunto ao dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12:45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

En canto aos equipos, daranse premios especiais aos catro primeiros, tanto federados como populares, que deberán inscribirse coa mesma documentación e igual indumentaria. Para isto, tomaranse como referencia os seis primeiros clasificados e clasificadas de cada equipo, os cales poden ser mixtos.

Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento do evento ao completo.

Cartaz do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre

Multimedia

  • Cartaz do IV Trail e Andaina Ribeiras do Tambre