Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para participar na sesión de picadiscos “Marifaltri” do programa Apego

Jueves, 20 de febrero de 2025

O proxecto Apego continúa coa súa programación neste mes de febreiro coa actividade “Picadiscos Marifaltri” da artista María Faltri, que terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nesta actividade está aberto dende hoxe, 20 de febreiro, ata o xoves 27. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.

O proxecto Apego continúa coas súas propostas para os máis pequenos e pequenas no mes de Rosalía. Desta volta, as crianzas poderán gozar dunha sesión de picadiscos da man de María Faltri, unha actividade na que soará unha selección da mellor música infantil galega para que non deixen de bailar e cantar ao longo de toda a tarde. Ademais, tamén poderán aprender diferentes cancións a través dos libros da pequena biblioteca ambulante.

A actividade realizarase o vindeiro venres 28 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Será gratuíta e está dirixida para un público familiar.

María Faltri é unha artista que conta cunha longa traxectoria musical e cunha ampla experiencia no mundo da animación cultural. Forma parte do grupo Faltriqueira, que leva máis de 15 anos percorrendo escenarios nacionais e internacionais, é vocalista da Banda das Apertas de Magín Blanco e destaca no ámbito da música infantil e do teatro dende hai máis dunha década.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para participar na sesión de picadiscos “Marifaltri” do programa Apego

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para participar na sesión de picadiscos “Marifaltri” do programa Apego