Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para participar no XV Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames

Jueves, 10 de diciembre de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de convocar a décimo quinta edición do Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas titulares ou co-titulares dun establecemento comercial situado en Ames, que queiran participar neste certame, deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. As solicitudes de inscrición poderán presentarse ata o 23 de decembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nos rexistros municipais da Casa do Concello e Oficinas municipais do Milladoiro, así como a través da Sede electrónica municipal. Ao pé desta nova encóntranse as bases do concurso.

Un ano máis, a Concellería de Promoción Económica organiza o concurso de Escaparates de Nadal, cuxo prazo de inscrición está aberto ata o próximo mércores 23 de decembro. As solicitudes poderán presentarse de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas no rexistro municipal da Casa do Concello de Bertamiráns ou nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Tamén se poden tramitar as inscrición a través da Sede electrónica municipal. Para inscribirse é obrigatorio ser maior de idade e titular ou co-titular dun establecemento comercial situado no concello de Ames.

Os escaparates deberán estar expostos entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento de visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso. O xurado estará composto por tres membros: un/unha representante do voluntariado de Ames, un/unha representante de voluntariado/a da Aula da Natureza e un/unha representante do voluntariado/a de Protección Civil de Ames. Ademais de persoal pertencente a Promoción Económica actuará como secretario do xurado. 

O xurado valorará os escaparates participantes pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, valorarase a utilización de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo. Os escaparates serán valorados por cada un dos  membros do xurado cunha puntuación máxima de 10 puntos. O seu fallo será inapelable e darase a coñecer durante o mes de xaneiro de 2021. 

Haberá cinco premios, que serán repartidos da seguinte maneira: 1.000 euros para o primeiro clasificado, 700 euros para o segundo, 400 euros o terceiro, 300 euros o cuarto e 100 euros para o quinto clasificado. Ademais os cinco gañadores gozarán da cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal.  

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima “aos/ás propietarios/as dos establecementos comercias de Ames a participar nesta nova edición do concurso de escaparates para tratar de darlle luz e color ás rúas comerciais. Este certame sempre ten unha boa acollida entre o sector comercial de Ames e agardamos que este ano a participación volva a ser alta”.

Sorteo de nove premios de 100 euros para os/as consumidores/as

Por outra banda, o Concello de Ames entregará 150 boletos a cada establecemento inscrito no XV Concurso de Escaparates para que sexan distribuídos entre a súa clientela. Os boletos depositaranse, debidamente cubertos, nas urnas situadas na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e Biblioteca, no Milladoiro. O prazo para facelo é entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, e deberán cubrirse todos os campos dos boletos e asinar no espazo reservado para elo. No caso de que algún campo se deixe baleiro, o boleto será considerado como nulo, e ademais, o Concello poderá anular aqueles boletos que estime ou teña indicios de que foron cubertos por persoal do establecemento e non pola clientela. 

Todas aquelas persoas que depositen un boleto nas urnas habilitadas, participarán no sorteo dun talón por importe de 100 euros para realizar compras nos establecementos comerciais de Ames. Sortearanse un total de 9 talóns bancarios, e todos por importe de 100 euros. 

Dito sorteo terá lugar a finais do mes de xaneiro de 2021, unha vez rematado o período de Nadal. Extraeranse 9 boletos, de maneira que cada boleto corresponderá a unha persoa gañadora, non se poderá optar a máis dun premio por persoa. Máis tarde volveranse a retirar outros 18 boletos, que serán asignados como suplentes na mesma orde en que foron retirados da urna. No caso de que por calquera circunstancia non se puidera contactar coas persoas gañadoras nun prazo de 3 días hábiles, o premio será adxudicado ás persoas asignadas como suplentes. Se tampouco fóra posible contactar cos suplentes o premio declararase deserto. 

Novas relacionadas: 

Revista AmesGo: "Premios para establecementos e consumidores no concurso de escaparates de Nadal"

Cartel concurso de escaparates 2020

Multimedia

  • Cartel concurso de escaparates 2020