- Tematica
O prazo de matrícula na Escola integral de maiores do Milladoiro, coordinada pola OVA e dependente da Concellaría de Benestar Social, xa está aberto. As persoas maiores de 60 anos que queiran participar desta actividade deberán inscribirse chamando ao teléfono 662 377 044 ou acudir á Oficina de Voluntariado, na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 10:00 a 13:00 horas. Nestas clases o alumnado adquirirá e repasará coñecementos como a lectura, a escritura ou as contas matemáticas básicas dun xeito dinámico. As clases comezarán no vindeiro 22 de outubro e rematarán a finais de xuño.
As persoas interesadas en participar na Escola integral de maiores do Milladoiro xa se poden inscribir. As clases impartiranse os mércores de 17:00 a 18:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
Para reservar praza ou solicitar máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662 377 044, ou acudindo ás Oficina de Voluntariado, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00 a 13:00 horas. O prazo permanecerá aberto ata o mes de xaneiro, sempre e cando haxa prazas dispoñibles.
A Escola integral de maiores é un espazo para aprender, divertirse e compartir no que se ofrecen clases para todas aquelas persoas de Ames que non tiveron oportunidade de continuar a súa educación básica. Os dous mestres voluntarios repasarán co alumnado a lectura e comentario de textos, a escritura ou conceptos matemáticos sinxelos. Ambos teñen experiencia na materia.
A poesía ou a música, un chisco de historia ou xeografía tamén serán temas a tratar nas clases, que se complementarán con charlas ou saídas. O curso rematará cun acto a finais do mes de xuño nun dos centros socioculturais que preparará o propio alumnado, ao que se lle entregará un diploma acreditativo.
A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, destaca que “este é un programa que funciona moi ben e que, ano tras ano, nos trae moitas satisfaccións. A escola de maiores non é só para estudar, senón que tamén é unha actividade de socialización e apoderamento a través do aprendizaxe e a adquisición de competencias básicas”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "La escuela de mayores de O Milladoiro abre su plazo de matrícula para el nuevo curso"