- Tematica
O Concello de Ames, a través da concellería de Educación, abre hoxe o prazo para inscribirse no programa de conciliación familiar e laboral Primavera Lúdica. O servizo desenvolverase os días 6, 7, 8 e 13 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, durante as cales se organizarán varias actividades educativas e culturais destinadas aos cativos e cativos da casa. Ao pé desta nova tes toda a información necesaria para a inscrición, cuxo prazo remata o 24 de febreiro.
O programa de conciliación Primavera Lúdica está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. Desenvolverase tanto en Bertamiráns (no CEIP da Maía) como no Milladoiro (os nenos e nenas de educación infantil na EEI do Milladoiro e os de educación primaria no pavillón e Casa da Cultura de Milladoiro) os días 6, 7, 8 e 13 de abril. Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados.
A Primavera lúdica permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando un servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16.00 horas. O horario das actividades irá das 9.00h ás 14.30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.
Tramitación das inscricións
Os documentos necesarios para realizar a inscrición na Primavera Lúdica estarán, a partir de hoxe, dispoñibles tanto na páxina web municipal, como na Oficina Municipal do Milladoiro e no departamento de Educación (Pazo da Peregrina, Bertamiráns).
No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar a solicitude se inscrición e o mandato SEPA, debidamente cubertos e asinados. A solicitude deberá entregarse acompañada dos documentos seguintes: fotocopia do libro de familia completo cotexado; fotocopia do DNI da persoa titular da conta; e documentación que indique a ocupación dos pais/nais ou titores/titoras (certificados de traballo, e de ser o caso certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar).
De ser o caso, haberá que entregar un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. O libro de familia só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación, ou se producise algún cambio na situación familiar. No caso de ruptura da unidade familiar, deberá traer a documentación que o xustifique. A copia do DNI só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación e siga vixente.
Lugar de presentación da solicitude de inscrición
A documentación poderá ser entregada no Rexistro Xeral do Concello (en Bertamiráns), na Oficina Municipal do Milladoiro, no Rexistro Electrónico municipal ou no rexistro de calquera Administración Pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). O horario de apertura das dependencias municipais é de 09.00h a 14.00 horas, de luns a venres. O prazo para presentar os documentos remata o vindeiro 24 de febreiro.
Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal do departamento municipal de Educación.
A Primavera Lúdica forma parte da ampla oferta de programas de conciliación que o Concello de Ames pon en marcha ao longo do ano e que coinciden coas vacacións escolares de Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán.