A Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro organiza un ano máis o seu certame fotográfico. A temática do concurso xira en torno ao propio parque empresarial e a actividade económica que alí se desenvolve. Pódese participar enviando unha soa imaxe por persoa, que deberá ser remitida ao enderezo electrónico certamefotografico@aenovomilladoiro.com xunto co título da obra e os datos persoais do autor (nome e apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto). O prazo para enviar os arquivos está aberto ata o 2 de decembro. As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón. Esta actividade está financiada polo Concello de Ames e a Deputación da Coruña.
Xa está en marcha a décima edición do concurso de fotografía comercial que organiza anualmente a Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro, e que ten como obxectivo que os cidadáns de Ames coñezan a actividade das empresas que están situadas no parque. No certame pode participar calquera persoa interesada na fotografía, tomando unha imaxe da actividade económica que alí se desenvolva. Está permitido retratar as instalacións, o equipo humano, os produtos e mesmo os eventos que se desenvolvan no parque empresarial.
O concurso de fotografía é unha actuación promovida pola Asociación de Empresarios, que pretende mediante a imaxe e a súa reflexión, fomentar a participación da cidadanía na actividade do parque empresarial do Milladoiro. O colectivo de empresas da zona comprométese con este certame que descubre novas vocacións, conferindo prestixio á zona, ao mesmo tempo que axuda a consolidar aos grandes aficionados.
Para tomar as imaxes pódese empregar calquera tipo de técnica e estilo, primando o enfoque comercial da fotografía. Todas as fotografías deberán ser orixinais e inéditas e estar localizadas no parque empresarial do Milladoiro. Cada participante poderá presentar unha fotografía como máximo. No caso que non se detecte a simple vista a ubicación, deberán indicar expresamente o emprazamento en que foi quitada a fotografía.
Permitirase que sexan en branco e negro e que estean retocadas, aínda que sen engadir ou modificar elementos que modifiquen a súa composición orixinal. Os arquivos deberán ser enviados en formato JPEG ou JPG. As fotografías poden ser das instalacións, do equipo humano, dos produtos, dos eventos ou de calquera actividade económica que as empresas realicen na súa ubicación. Co permiso da empresa tamén poderán ser fotografados os espazos interiores das naves ou LOFTs, xerando así, correspondencia entre o fotógrafo e os espazos de traballo.
Presentación das obras
Permitirase unha fotografía por persoa, que deberá ser enviada xunto co título da obra, e os seus datos persoais á dirección de correo electrónico certamefotografico@aenovomilladoiro.com. En asunto deben poñer “Certame fotográfico” e o título da fotografía. É imprescindible que as fotografías enviadas vaian identificadas cos datos do autor: nome, apelidos, data de nacemento, DNI, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto (preferiblemente móbil). O prazo para enviar os arquivos está aberto ata o 2 de decembro.
Dentro deste certame repartiranse tres premios: o premio Tesec está dotado con 500 euros, o premio Fílmate Estudios Fotográficos con 400 euros e o premio Técnicas Constructivas de Ocio con 300 euros.
Nesta décima edición o xurado está composto por Xoán Soler (La Voz de Galicia), Alberto Uzal (Fílmate Estudios), Ana Belén Paz (concelleira de Promoción Económica), Javier Antelo (concelleiro do Medio Natural e Atención ao Rural; e experto no sector audiovisual), e o presidente da asociación (Javier Santos).
Os gañadores coñeceranse nunha gala de entrega de premios que terá lugar o xoves, 19 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, todas as fotografías serán expostas na propia Casa da Cultura do Milladoiro, do 11 de decembro de 2024 ata o 7 de xaneiro de 2025, na sede da asociación a partir do 7 de xaneiro 2025, así como serán difundidas a través das redes sociais da asociación.