- Tematica
A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta a cuarta edición do curso gratuíto de primeiros auxilios, que se impartirá os martes, mércores e xoves, dende o 15 de outubro ata o 3 de novembro. A actividade, que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 19.00 a 22.00 horas, está dirixida preferentemente a persoas empadroadas entre os 16 e 30 anos. Para esta actividade ofértanse 12 prazas, que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Para esta edición redúcese o número de prazas pola Covid-19. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición comeza o xoves 1 de outubro e estará aberto ata o xoves día 8. Premendo nesta ligazón podes obter a ficha de inscrición.
Segundo datos da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, un de cada tres españois non se sinte coa confianza suficiente para prestar os primeiros auxilios, e só un 18% sabe que facer ante un accidente doméstico, viario ou unha situación de emerxencia. Sen embargo, estes primeiros momentos poden resultar vitais nestas situacións.
Co obxectivo de colaborar para mudar estes datos, a Concellaría de Mocidade continúa coa súa aposta pola formación das mozas e mozos do concello coa organización dunha nova edición do curso de primeiros auxilios, a través do que se busca instruír aos asistentes nunha serie de actuacións e técnicas que lles permitan asistir de forma inmediata en certos accidentes, co obxectivo de que as lesións non empeoren mentres non chega a asistencia médica profesional.
Tras a boa acollida que tiveron as anteriores edicións deste curso, o Concello decidiu repetir esta actividade. Esta vez, o número de prazas ofertadas é menor por mor da Covid-19. Cun máximo de 12 participantes, é necesario que se inscriban polo menos 7 mozos/as, para poder facer un grupo e desenvolver o curso.
O curso será de balde para o alumnado admitido, que ao rematar a formación recibirá un diploma acreditativo de ter superado con éxito o curso. Ademais, esta formación é imprescindible para perfís profesionais que desenvolven a súa actividade con todo tipo de colectivos, estendéndose a súa aplicabilidade a diferentes contextos como o lecer e o tempo libre, o sanitario ou o deportivo.
Contidos do curso
Durante 20 horas, ensinaránselle aos participantes contidos como o mantemento do soporte vital básico, a inmobilización de persoas enfermas ou feridas, e como intervir fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos. Desta maneira, búscase que os alumnos e alumnas saían desta formación coñecendo os fundamentos básicos dos primeiros auxilios, como aplicar as técnicas de reanimación cardiopulmonar cando sexa necesario, a mobilizar de maneira correcta a unha persoa ferida ou enferma e as técnicas básicas para poder actuar ante persoas con hemorraxias, feridas, queimaduras ou con traumatismos.
Para acadar estes obxectivos, seguirase unha metodoloxía baseada na adquisición de habilidades mediante o coñecemento de aspectos teóricos e a súa posta en práctica. Desta maneira, preténdese ofrecerlle aos alumnos unha acción formativa encamiñada a proporcionar os coñecementos, habilidades e actitudes que conforman as competencias básicas necesarias para realizar intervencións en primeiros auxilios en caso de accidente ou enfermidade.
O curso realizarase entre o 15 de outubro e o 3 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, todos os martes, mércores e xoves en horario de 19.00 a 22.00 horas. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán estar empadroadas no Concello de Ames e ter máis de 16 anos. Terán preferencia á hora de cubrir as 12 prazas ofertadas as mozas e mozos que se atopen entre os 16 e os 30 anos, aínda que, de non cubrirse as prazas dispoñibles, poderán acceder a esta actividade persoas empadroadas de máis idade e persoas non empadroadas entre 16 e 30 anos, por este orde de prioridade. Para esta edición redúcese a 12 o número de prazas pola Covid-19.
Tramitación das inscricións
Para realizar a inscrición será necesario enviar a ficha de inscrición debidamente cumprimentada e unha fotocopia do DNI, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada. O prazo de inscrición remata o vindeiro xoves 8 de outubro. Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do correo electrónico omix@concellodeames.gal.