Solapas principales

Abre o prazo de inscrición para participar na andaina polo Mar de Ovellas incluída na programación do Día de Rosalía

Jueves, 15 de febrero de 2024

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, abre o prazo de inscrición para participar na andaina polo Mar de Ovellas, incluída na programación de Rosalía 2024 e que terá lugar o domingo 25 de febreiro, das 10.00 ás 13.30 horas. As persoas que queiran participar na andaina teñen que escribir un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e lugar onde prefiren subir ao autobús (O Milladoiro ou Bertamiráns). O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de febreiro. Trátase dunha ruta de dificultade media que parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. A andaina estará teatralizada polos Quinquilláns e contará co acompañamento musical de Luís O´Caruncho. A actividade rematará no local social de Trasmonte coa degustación do Caldo de Gloria que Rosalía recolle no poema Miña casiña meu lar.

Este ano, como novidade dentro da programación rosaliana, o domingo 25 de febreiro terá lugar unha andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema rosaliano “A probiña, que está xorda...!”. O dito poema localízase nesa costa e está recollido no libro “Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía”, editado polo Concello de Ames e a Fundación Rosalía de Castro cunha introdución explicativa da escritora e experta rosaliana María López Sández.

“Mordouelias. Rosalía e as Terras da Maía” afonda na relación entre as Terras da Maía e propia vida e obra da autora. Así, no libro percórrense os distintos escenarios do concello amesá vinculados á vida e á obra da escritora. Entre eses escenarios podemos atopar o Pazo da Peregrina, os Muíños de Lapido, a casa paterna de Rosalía en Ortoño e a costa de Mar de Ovellas, mencionada no poema “A probiña, que está xorda!”.

Ruta teatralizada polos Quinquilláns e con acompañamento musical de Luís O'Caruncho
A andaina polo Mar de Ovellas desenvolverase coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e do músico Luís O’Caruncho. Durante o camiño haberá diferentes paradas nas que o grupo de teatro Os Quinquilláns e o músico Luís O'Caruncho nos achegarán á obra, á traxectoria e á vinculación da escritora co Concello de Ames.

As persoas que queiran participar nesta actividade, que se vai realizar o domingo 25 de febreiro, das 10.00 ás 13.30 horas, teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e lugar onde prefiren subir ao autobús (O Milladoiro ou Bertamiráns). Hai un total de 55 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para anotarse está aberto desde hoxe ata o 22 de febreiro ou ata que se cubran as prazas dispoñibles.

A andaina parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. O percorrido será de 4 km, de dificultade media, cunha subida de ata o 10 % de desnivel e cunha duración de aproxiamadamente dúas horas. A actividade rematará no local social de Trasmonte coa degustación do Caldo de Gloria que Rosalía recolle no poema Miña casiña meu lar.

Para acudir á andaina ofrécese servizo de autobús, con saída ás 10.00h dende a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10.15 h do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O regreso está previsto para as 13.30 horas.

Rutas escolares polo Mar de Ovellas
Ademais desta ruta para público xeral, organízanse andainas adaptadas para o alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro cun percorrido máis curto que permita desenvolver a actividade no horario escolar de tarde. Deste xeito, o luns, 19 de febreiro, realizará a andaina o alumnado do IES de Ames, e os martes 27 de febreiro e 12 de marzo percorrerá a costa do Mar de Ovellas o alumnado do IES do Milladoiro.

Abre o prazo de inscrición para participar na andaina polo Mar de Ovellas incluída na programación do Día de Rosalía 2024