Solapas principales

Abre o prazo de inscrición para que os establecementos comerciais se adhiran á campaña de tarxetas bono “Reactiva Ames”

Jueves, 15 de julio de 2021

O Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, informa de que este venres 16 de xullo, comeza o prazo para que novos establecementos comerciais se adhiran á campaña de tarxetas bono “Reactiva Ames”. O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 15 de agosto e, tan só, terán que inscribirse aqueles establecementos que non participaran na primeira parte da campaña. Está previsto que a segunda fase da campaña se desenvolva do 1 de setembro ao 31 de outubro.  A clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta iniciativa trátase de fomentar as compras no comercio local de Ames

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, mantiveron o pasado martes unha reunión con representantes de Abanca para, nesta segunda fase, aumentar o número de tarxetas bono. A segunda parte da campaña ascende a 26.670,80 euros.

O alcalde de Ames, Blas García, indicou “agardamos que esta nova edición da campaña sexa aínda máis exitosa que a anterior, para deste xeito seguir fomentando a compra no comercio local, sobre todo, nun momento tan complexo como o actual tras a pandemia da COVID" ademais diso, tamén aproveitou para agradecer a toda a veciñanza amesá e ás veciñas e aos veciños da contorna a súa participación nesta campaña que redunda nun beneficio moi importante para os establecementos locais.

Segundo a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, a primeira parte da campaña foi un éxito e supuxo un beneficio para os establecementos “O noso obxectivo é seguir aumentando esa lista e axudar ao máximo número de establecementos posibles”. Engadiu ademais que “dende a Concellaría estamos traballando para poñer en circulación outra cantidade de tarxetas, tratase de poñer en circulación máis cartos e que tanto os amienses coma os veciños da contorna sigan axudando ao noso comercio local”.

A primeira fase da campaña “Reactiva Ames” superou todas as expectativas. Realizáronse preto de 8.500 operacións cun gasto de 173.299 euros. Ao longo da campaña fixéronse 164 operacións nos 170 establecementos adheridos. Os sectores máis demandados foron os da alimentación, o téxtil, o dos electrodomésticos, as librarías e a hostalaría.

Establecementos que se poden adherir á campaña
Poden adherirse todos aqueles establecementos que non participaran na primeira fase da campaña; os establecementos que xa se inscribiran no primeiro “Reactiva Ames” non teñen que volver a facelo.

A campaña está dirixida a todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible, e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. A modo aclaratorio quedan incluídos dentro da campaña as ópticas, as clínicas veterinarias, os psicotécnicos, as clínicas dentais, os establecementos ortopédicos e as parafarmacias.

As tarxetas tampouco serán válidas para a compra en tendas on-line, a través da Internet. A lista definitiva de establecementos adheridos á iniciativa publicarase tanto na páxina web da entidade colaboradora  (www.xuntanzadeempresariosdeames.gal) como na páxina web do Concello de Ames.

Trámite de solicitude para realizar a adhesión
O prazo de inscrición na campaña para os establecementos comerciais será do 16 de xullo o 15 de agosto incluído . Para inscribirse hai que entrar na Sede electrónica do Concello de Ames e cubrir a solicitude que se atopa debaixo do apartado de Trámites en liña co nome de Tarxetas bono. Para poder cubrir o impreso de solicitude é necesario identificarse con certificado dixital ou DNI electrónico. É importante que as persoas que cubran dita solicitude acheguen o código de comercio para que todos os datos da solicitude estean correctos. Premendo nesta ligazón podes ver que é o código de comercio (sae na copia de compra de calquera operación realizada a través dunha TPV).

 Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello abre el plazo de inscripción de la segunda fase de la campaña «Reactiva Ames» "

Tarxeta Mercames