Solapas principales

Abre o prazo para inscribirse na Escola de verán 2024

Viernes, 03 de mayo de 2024

Dende hoxe, venres 3, e ata o 20 de maio está aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar da veciñanza de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto. O servizo está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. O programa impartirase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no Milladoiro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Premendo esta ligazón pódese obter os impresos de inscrición da Escola de Verán 2024. As solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

A Escola de Verán é unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas de Ames durante o período non lectivo das vacacións de verán, comprendido entre o 1 de xullo ata o 31 de agosto de 2024. Desenvolverase de luns a venres, agás festivos. O servizo ofrece unha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Así, as cativas e cativos poderán participar en diversos xogos e exercicios a través dos que se buscará que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto polo contorno, ademais de enfocarse no divertimento e a creatividade.

O programa de conciliación está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. O prazo de inscrición estará aberto dende este venres 3 de maio ata o luns 20 de maio de 2024, ambos os dous días incluídos. O programa impartirase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no Milladoiro. Conforme ao estipulado no artigo 14 do Regulamento da Escola de Verán, todas as solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

A Escola de Verán permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando tamén un servizo de almorzo, que comeza ás 7:30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16:00 horas. O horario das actividades irá das 9:00 ás 14:30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa. Premendo nesta ligazón pódese obter os impresos de inscrición da Escola de Verán 2024.

Tramitación das inscricións
Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. A documentación poderá ser entregada a través do Rexistro telemático da Sede electrónica do Concello de Ames. Outra opción e entregar a documentación de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Tamén se poden presentar as solicitudes en calquera outro rexistro ao que se refire o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Documentación necesaria
No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar este impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado. A solicitude deberá entregarse acompañada dos documentos seguintes: copia libro de familia completo; copia do DNI da persoa titular da conta; e documentación que indique a ocupación dos pais/nais ou titores/titoras (certificados de traballo, e de ser o caso certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar).

De ser o caso, haberá que entregar un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura da unidade familiar, deberá amosarse a documentación que o xustifique.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames convoca la Escola de Verán con polémica por cambiar la sede del Xuño Lúdico"

Abre o prazo para inscribirse na Escola de verán 2024

Multimedia

  • Abre o prazo para inscribirse na Escola de verán 2024