- Tematica
Até o día 14 de abril está aberto o prazo para inscribirse na primeira excursión en familia que o programa Apego organiza no concello de Ames. Carballolandia, un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño, é o destino desta saída que terá lugar o vindeiro sábado 17 de abril. Para inscribirse hai que enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando nome e apelidos das persoas que queiran apuntarse, idade dos nenos/as e teléfono de contacto.
Anxo Moure e Velaísca Animación conducen toda unha chea de actividades ao aire libre na chousa de Carballolandia que abranguen desde contos nas árbores, paseos e xogos libres, até un bautizo de barca no río. O obxectivo é que as familias afonden no seu coñecemento sobre as árbores autóctonas, a contorna do río e os seres mitolóxicos galegos. O espazo está ideado para o divertimento, o lecer e a convivencia.
Para a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, esta é “unha oportunidade única para achegarnos ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e dos seres mitolóxicos galegos nun espazo natural pensado para o divertimento e a convivencia. "Carballolandia é un ecoparque situado en Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. Trátase dun entorno ideal no que faremos unha morea de actividades ó aire libre conducidas por Anxo Moure e Velaísca animación que farán da xornada unha experiencia marabillosa que reúne toda a filosofía do programa Apego".
As familias que se apunten teñen a opción de viaxar nos seus coches particulares ou facelo en autobús co resto dos viaxeiros/as. As familias que elixan o autobús sairán ás 10 da mañá do Pazo da Peregrina e estarán de volta sobre as 20.00 horas.
O xantar e a merenda faranse no campo. Cada familia deberá levar a súa propia comida e bebida posto que non está permitido compartir nin alimentos nin bebidas con outras familias.
Para anotarse hai que enviar un correo normalizacion@concellodeames.gal, antes do 14 de abril no que se especifique o nome e o apelidos das persoas que queren participar na excursión, a idade do neno ou da nena e un teléfono de contacto. Tamén se ten que indicar se se quere viaxar en autobús ou en coche particular. Non se admitirán inscricións fóra de prazo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Excursión con Apego para sumergirse en la naturaleza de Chantada"