- Tematica
O programa `Sanauga´ abriu o prazo de inscrición para o curso 2020-2021. Este programa de actividades acuáticas, posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e cofinanciado pola Deputación da Coruña, está dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade. Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044. Ofértanse un total de 60 prazas. O prazo de inscrición remata o 28 de setembro. O día 30 de setembro publicaranse as listaxes de admitidos/as. Esta actividade está previsto que comece o día 5 de outubro.
Un ano máis, o Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), pon en marcha unha nova edición do programa `Sanauga´, coa finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico das persoas maiores de sesenta anos e/ou persoas que teñan algún tipo de discapacidade. Así, o curso vai encamiñado a mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.
Para poder participar nesta actividade, non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O que se pretende con esta metodoloxía é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.
O programa desenvólvese na piscina do Centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en catro quendas, os luns e os mércores de 9:15 a 10:00h, de 10:00 a 10:45h, e de 10:45 a 11:30h e os martes e xoves cos mesmos horarios, sempre e cando se cubran todas as quendas que se ofertan. Cada grupo está composto por 10 persoas.
Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044. O prazo de inscrición remata o 28 de setembro. O día 30 de setembro publicaranse as listaxes de admitidos/as. Este ano faranse grupos reducidos. Terán prioridade as persoas de maior idade e/ou con patoloxías acreditadas. O Concello de Ames resérvase o dereito a cancelar a actividade por motivos de organización e/ou sanitarios.
A través deste programa mellórase a mobilidade
Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, o programa Sanauga "é unha actividade imprescindible que xa forma parte da axenda dos nosos maiores, como amosa a elevada participación que ten ano tras ano. O obxectivo deste programa é que melloren a súa mobilidade. Ademais, a actividade física que realizan nestas actividades acuáticas proporciónalles beneficios tanto a nivel físico como psicolóxico e emocional.
Luísa Feijóo engade “é unha actividade completa realizada nun entorno totalmente seguro como é a piscina, que lles axudará a mitigar esas molestias ocasionadas por enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas, á vez que se consegue unha aproximación ao medio acuático e se favorecen as relacións interpersoais".