A Xunta de Goberno Local do xoves 17 de marzo vén de aprobar a licitación da organización e o desenvolvemento das dúas próximas edicións do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, o Cinema Miúdo. O contrato, que inclúe todas as fases da produción do evento, conta cun orzamento base de licitación de 59.870 euros, a repartir entre as anualidades 2022 e 2023. As empresas interesadas poden presentar xa as súas propostas ata o 5 de abril de 2022.
O Festival Internacional de Cine Infantil de Ames leva xa catro edicións celebrándose no concello, un evento que cada ano achega aos nenos e nenas unha selección de filmes chegados de todo o mundo, co fin de que coñezan a realidade da sociedade na que vivimos a través de contidos cun amplo valor social e cultural. Ademais deste carácter pedagóxico e cultural, o festival busca servir de apoio ao audiovisual galego, que conforma unha parte importante do itinerario.
O contrato, cuxa licitación foi aprobada a pasada semana, inclúe todos os elementos necesarios para a organización e a produción do evento, como a dirección do festival, a captación de contidos e de colaboradores, a xestión da recepción de pezas audiovisuais e o seu visionado, selección e clasificación, atendendo a idades e a eixos temáticos. Deste xeito, deberán respectarse as seccións habituais do Cinema Miúdo, como “Axóuxeres”, “Buxainas”, a sección escolar ou a de producións en galego.
O proxecto a presentar debe incluír ademais todo o relacionado coa propia organización do festival ao longo das súas catro xornadas, como a dirección e o persoal especializado para as galas, a montaxe e desmontaxe dos equipos de proxección, a reprodución dos filmes, o desenvolvemento de actividades complementarias, a composición do xurado e a entrega de premios.
No que respecta á comunicación, a empresa adxudicataria deberá facerse cargo da cartelería seguindo a imaxe gráfica do festival, ademais de manter as redes sociais, a web do evento e outros materiais de difusión, como un catálogo con información sobre toda a programación. Asemade, a cobertura do evento incluirá material fotográfico, notas de prensa e a elaboración dun audiovisual final.
Por último, a lingua e a cultura galega serán como en cada edición valores chave no Cinema Miúdo. Ao menos dez das curtas seleccionadas deberán ter a súa V.O. en galego, e todas as pezas deberán estar subtituladas en galego no caso de estar nun idioma que non sexa este ou o castelán. Ademais, a programación contará mínimo cunha sección reservas para producións galegas en lingua propia.
Para consultar o expediente de licitación ao completo pódese premer nesta ligazón.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Triunfo del 7º Arte: continuará Cinema Miúdo y llega el circuito Mestre Mateo"