- Tematica
Dende o día 1 ata o 15 de xullo, os músicos e músicas de Ames xa pode renovar a solicitude de uso do local municipal A Factoría, enviando o impreso de solicitude de renovación cumprimentado e asinando ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. O horario de ensaio do local para todos os días da semana é de 10.00h a 22.00 horas, sempre e cando non interfira en actividades organizadas polo propio Concello. Os grupos dispoñen de ata 3 horas consecutivas á semana para ensaiar. Na actualidade, 14 agrupacións musicais fan uso destas instalacións que pouco a pouco a través de varias melloras, vai aumentando a demanda de novos usuarios/as.
O departamento de Xuventude ten a disposición dos grupos musicais do concello o equipamento municipal da Factoría, co obxectivo de facilitar un espazo para o ensaio musical da cidadanía do concello, fomentar a práctica musical da mocidade de Ames e contribuír a unha maior formación musical e técnica dos grupos que fan uso deste equipamento.
Ademais, na sala anexa ao local de ensaio creouse un espazo de encontro para a mocidade e para o intercambio de experiencias coa finalidade de promover un ocio xuvenil creativo, organizar eventos coa mocidade e difundir entre a cidadanía os aspectos positivos da cultura musical da xente nova.
Na actualidade, 14 agrupacións musicais fan uso desta instalación que pouco a pouco a través de varias melloras, vai aumentando a demanda de novos usuarios/as.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, explica que “A Factoría é un lugar de ensaio para os grupos musicais de Ames, pero ademais serve como punto de xuntanza para as nosas mozas e mozos”.
Renovación anual
É momento de que, como cada ano, as agrupacións musicais interesadas en continuar ensaiando no local A Factoría renoven a súa solicitude de uso, polo que dende a Concellaría de Mocidade infórmase de que abre o prazo de renovación dende o 1 ata o 15 de xullo.
As persoas usuarias do local que queiran seguir utilizándoo, deben enviar dentro do prazo establecido a súa solicitude de renovación cumprimentada e asinada ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. En caso de non renovar no prazo establecido, procederase á baixa no uso do local.
Aprobación inicial do regulamento
Por outra banda, no pleno ordinario de maio quedou aprobado de xeito inicial o novo regulamento municipal de uso da Factoría, que dende o 2020 viña funcionando de maneira interna, pero sen un instrumento regulamentario. Dito regulamento está en exposición pública durante 30 días hábiles, a efectos de exame e reclamacións mediante a súa publicación no BOP número 111, do 10 de xuño de 2024, así como no taboleiro de edictos do Concello e no Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.
Procedemento de alta
Calquera agrupación que desexe facer uso do local pode reservalo, sempre que, polo menos, un dos/as seus/súas integrantes estea empadroado no concello de Ames e que o grupo estea dado de alta no censo municipal de artistas do concello. O horario de ensaio do local para todos os días da semana é de 10.00 a 22.00 horas, sempre e cando non interfira en actividades organizadas polo propio Concello. Os grupos dispoñen de ata 3 horas consecutivas á semana para ensaiar.
Para resolver calquera dúbida ou consulta poden contactar con Xuventude Ames a través do enderezo de correo electrónico xuventude@concellodeames.gal.