Solapas principales

Abre o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames no ano 2019, que será galardoado/a co premio do público na XIV Gala do Deporte

Lunes, 10 de febrero de 2020

O Concello de Ames acaba de publicar na páxina web municipal un banner cunha enquisa na que se pode votar polo/a mellor deportista de Ames de 2019. Este é o cuarto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa para elixir un dos premios que se entregará na XIV Gala do Deporte, que está previsto que se celebre o vindeiro sábado, 29 de febreiro. As votacións poderanse realizar ata o vindeiro mércores, 26 de febreiro, na páxina web municipal. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas catro edicións anteriores, no momento da celebración do evento.

A Concellaría de Deportes xa está traballando na organización da décimo cuarta edición da Gala do deporte que está previsto que se celebre o vindeiro sábado 29 de febreiro. Despois do bo resultado dos tres últimos anos, volveuse a publicar na web municipal unha enquisa, para que a veciñanza amesá poida elixir á/ao mellor deportista de Ames do ano 2019. Para iso hai que acceder á páxina web do Concello (ao banner que está no pé da páxina principal da web) e votar.

Deste xeito, cinco deportistas optan a este premio. Poderase votar por Guillermo Carracedo (padle surf), que en 2019 foi campión de España, subcampión do Mundo coa Selección Española, Top 5 do Mundo individual e subcampión de Europa. A segunda opción é votar por Borja Golán (squash), que o pasado ano acadou o subcampionato de Europa individual e por equipos coa Selección Española, quedou entre os 16 primeiros no Mundial Individual, foi 8º no Mundial por equipos coa Selección Española e subcampión de España.

A terceira opción é votar por Nuria Rábano (fútbol) que é xogadora do RC Deportivo da Coruña (1ª División) e o pasado ano quedou subcampioa no Mundial sub20 con España. A cuarta opción é Blanca Millán (baloncesto), xogadora do ano da Conferencia Este, campioa da Conferencia Este da liga universitaria Americana e mellor xogadora da final. A quinta opción para votar é Gabriel Martínez (piragüismo), que acadou a medalla de bronce en K-1 200m júnior no campionato do Mundo Sprint Júnior 2019 e foi subcampión de España Júnior K1 200 metros.

As votacións poderanse realizar ata o mércores, 26 de febreiro de 2020, na páxina web municipal. O premio do público será entregado na décimo cuarta Gala do Deporte. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas catro edicións anteriores, no momento da celebración do evento. Como soe ser habitual este evento reunirá aos clubs e entidades deportivas do concello, así como as deportistas máis destacados durante o 2019 en Ames.

Abre o prazo para votar polo/a mellor deportista de Ames no ano 2019, que será galardoado/a co premio do público na XIV Gala do Deporte