- Tematica
O Concello de Ames vén de aprobar, a través de decreto de Alcaldía, un prazo excepcional de inscrición para o servizo de conciliación da vida laboral e familiar, “Escola de Verán 2020”, para o mes de agosto. Dito prazo estará aberto dende o próximo mércores, 1 de xullo, ata o 10 de xullo de 2020, ámbolos dous días incluídos. Este prazo extraordinario ábrese para todos aqueles pais/nais que non fixeran a solicitude durante o prazo ordinario que foi do 1 ao 8 de xuño. A presentación de solicitudes poderá realizarse de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de rexistro de Bertamiráns e O Milladoiro, baixo cita previa. Ao pé desta nova podes obter o impreso de inscrición e mailo regulamento de funcionamento.
A Escola de Verán é unha oferta educativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do concello de Ames no período estival, cunha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Así, as cativas e cativos poderán participar en diversos xogos e exercicios a través dos que se buscará que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto polo contorno, ademais de enfocarse no divertimento e a creatividade.
O numero de prazas que existen dentro desta convocatoria extraordinaria da Escola de Verán limítase só a aquelas unidades familiares empadroadas no Concello de Ames e recollidas no artigo 22.2 do regulamento de Escola de Verán, onde se xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación en base ao artigo 14.4 do presente regulamento, así como os casos de emerxencia social debidamente acreditados polos Servizos Sociais do Concello de Ames. Para a xustificación da necesidade de conciliación no caso de estar traballando chegara co certificado de vida laboral actualizado a data de inscrición no programa e, no caso de autónomos, a alta no réxime correspondente.
Ademais, para o desenvolvemento da Escola de Verán 2020 o Concello de Ames aprobou, a través de decreto de Alcaldía, un protocolo que se pode consultar ao pé desta nova.
Tramitación das inscricións
As solicitudes de inscrición poden recollerse no departamento de Educación, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou nas oficinas municipais do Milladoiro, situadas temporalmente na Casa da Cultura deste localidade, en horario de 08:30 ás 14:30 horas. Ao pé desta nova tamén podes obter o impreso de inscrición e mailo regulamento de funcionamento.
A presentación de solicitudes poderá realizarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nos rexistros xerais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou da oficina municipal do Milladoiro, situadas temporalmente na Casa da Cultura deste localidade.
Previamente haberá que obter cita previa; para a EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no número de teléfono 679 815 090, e para o CEIP A Maía, no número 696 650 173. Tamén se pode solicitar a través do enderezo electrónico rexistro@concellodeames.gal.
Para obter máis información sobre este servizo, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.
Desenvolvemento da Escola de Verán
Os centros habilitados para a realización do programa son, na zona do Milladoiro, a Escola de Educación Infantil e o CEP de Ventín, mentres que en Bertamiráns o programa da Escola de Verán desenvolverase nas instalacións do CEIP A Maía.
Os/as nenos/as que acudan á Escola de Verán deben levar dentro dunha mochila unha bolsa, para que lle resulte máis fácil despois levala ao patio, cunha botella de auga e maila súa merenda de media mañá.
Os pais/nais dos nenos/as que participen este ano na Escola de verán deberán asinar unha declaración responsable antes de comenzar o programa. Unha vez cuberta terán que entregarlla aos/ás coordinadores/as, que estarán en cada un dos centros nos que se presta o servizo da Escola de Verán, o primeiro día de utilización do programa.