Solapas principales

Ábrese o prazo de inscrición para as I Xornadas de Toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino de Ames

Martes, 03 de septiembre de 2019

O Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística organizan unhas xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa que busca o achegamento, a posta en valor e o aproveitamento dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística. Desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Ofértanse 40 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para apuntarse estará aberto ata o 11 de setembro. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

A toponimia conforma un patrimonio compartido de enorme riqueza  que se foi construíndo na lingua propia da xente que habitaba este territorio, un patrimonio que está na base da nosa identidade colectiva como galegas e galegos. Con estas xornadas preténdese achegar o profesorado a este ben colectivo, poñelo en valor e aproveitalo como  ferramenta de normalización lingüística e  como recurso educativo para diferentes áreas.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, indica que “agardamos que sexan o punto de partida para proxectos colaborativos que, partindo do ámbito educativo, impliquen a sociedade no proceso de normalización lingüística”.

A través destas xornadas preténdese dar a coñecer a riqueza da toponimia amesá para contribuír ao recoñecemento do seu valor como patrimonio inmaterial e sinal de identidade colectiva e de identificación co territorio; achegar o profesorado asistente aos conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos...); coñecer as ferramentas e recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aproximarse ás diferentes aplicacións didácticas que pode ter a toponimia, especialmente relevantes en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...; coñecer, deseñar e poñer en común proxectos colaborativos para traballar cos nomes de lugar nos diferentes niveis e áreas de ensino incidindo na conservación e transmisión do patrimonio; e fomentar a través da toponimia a implicación social da comunidade amesá no proceso de normalización lingüística.

Estas xornadas, que están dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames, desenvolveranse de forma presencial no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Ademais, cada participante nas xornadas deberá completar 4 horas de traballo persoal non presencial. En total serán 16 horas de formación, homologadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Descarga aquí o PDF co programa das xornadas.

Contidos das xornadas
Nestas xornadas achegaranse nocións sobre os conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…); divulgación da toponimia amesá; recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...; utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística; e propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

Alén da base teórica das diversas intervencións, as xornadas serán fundamentalmente prácticas. Nelas daranse a coñecer propostas para traballar coa toponimia desde diferentes áreas e niveis co obxectivo de que xurdan proxectos colaborativos que  impliquen e estimulen a comunidade amesá no proceso de  normalización lingüística.

Proceso de inscrición
Ofértanse 40 prazas dirixidas ao profesorado dos centros de ensino de infantil, primaria, secundaria e bacharelato de Ames. De quedaren prazas libres, poderán asistir outras persoas interesadas en traballar a prol da normalización lingüística desde asociacións, ensino ou outros colectivos. O 70% das prazas estarán reservadas a profesorado que se atope prestando servizo en centros sostidos con fondos públicos, en relación co total de asistentes á actividade. A inscrición nestas xornadas é totalmente gratuíta.

As prazas cubriranse por orde de inscrición con preferencia para o profesorado en activo de centros públicos de Ames. O prazo para apuntarse estará aberto ata o 11 de setembro. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que figuren os seguintes datos: nome e apelidos; DNI; enderezo completo; número de teléfono; centro escolar no que traballa e materia que imparte. Para obter o certificado de asistencia cómpre participar, como mínimo, no 80% das horas totais do curso e presentar unha proposta de actuación.

Toponimia de Ames
Estas xornadas chegan despois de que no pasado mes de abril se presentase “Toponimia de Ames”, un traballo do filólogo Xosé Ramón López Boullón, que profunda na orixe dos nomes das 11 parroquias amesás e 115 lugares habitados ao aldeas. A obra complétase coas explicacións da orixe doutros 13 topónimos, entre eles o que lle dá nome ao val e a comarca de Ames, A Maía, os de ríos como o Sar e o Tambre ou os de montes como O Mar das Ovellas.

Este traballo viu a luz grazas á colaboración do Concello de Ames, a Real Academia Galega e mais o Seminario de Onomástica da Academia. Na obra tamén foi fundamental a axuda dos e das informantes que acompañaron e axudaron a Xosé Ramón López Boullón a coñecer mellor o territorio de Ames. O filólogo, que formou parte no seu día do Proxecto Toponimia de Galicia, ten ademais vínculos afectivos con esta terra dado que, aínda que naceu en Compostela, viviu dez anos neste concello.

Imaxe do cartel das primeiras Xornadas de Toponimia

Multimedia

  • Imaxe do cartel das primeiras Xornadas de Toponimia
  • Imaxe do folleto informativo das primeiras Xornadas de Toponimia