Solapas principales

A acción informativa “Somos Moitos Tour: Xuventude 2030” achégase este martes 31 ao IES do Milladoiro

Lunes, 30 de mayo de 2022

A Concellaría de Mocidade, en colaboración con EUROPE DIRECT Coruña e a Asociación Ingalicia, punto de información da Rede Europea Eurodesk, desenvolverá este martes 31 de maio a acción informativa “Somos Moitos Tour: Xuventude 2030”. O alumnado de 1º de Bacharelato do IES do Milladoiro poderá achegarse de 16:00 a 18:30 horas a catro carpas con diferentes actividades relacionadas co emprego, a formación ou o voluntariado, que se instalarán nos propios exteriores do centro educativo.

Unhas catro carpas coas súas respectivas actividades ocuparán na tarde deste martes 31 de maio os exteriores do IES do Milladoiro, coa parada no concello de Ames do proxecto informativo “Somos Moitos Tour: Xuventude 2030”. Trátase dunha campaña de comunicación itinerante e participativa, posta en marcha por EUROPE DIRECT Coruña e a Asociación Ingalicia, o punto de información da Rede Europea Eurodesk na Coruña, en colaboración con diferentes municipios da provincia.

O alumnado de 1º de Bacharelato do centro educativo do Milladoiro poderá gozar deste xeito dunha serie de propostas orientadas a dar a coñecer as principais oportunidades nacionais e europeas nos eidos da formación, a educación, o voluntariado ou o emprego. Con este fin realizaranse varias actividades en grupo e de maneira individual, de tal forma que a mocidade adquira coñecementos sobre saídas laborais e formativas á vez que desenvolve competencias e habilidades humanas, como a comunicación en público, o debate, a resolución de conflitos ou a creatividade, entre outras.

Neste senso, de 16:00 a 18:30 estarán abertas ao alumnado as catro carpas que compoñen o “pobo da mocidade” do “Somos Moitos Tour”, e cada unha delas terá unha actividade diferente. Por unha banda, as carpas “España para ti” e “Europa para ti” tratarán de dar a coñecer oportunidades de emprego, prácticas e voluntariado en España e en Europa.

Por outra banda, as outras dúas buscarán a implicación directa dos participantes, con xogos, debates e actividades de grupo sobre temáticas prioritarias para a mocidade. As carpas son “Agora falo eu”, para desenvolver habilidades humanas e “soft skills”, e “Descubrindo Europa”, na que se poderá aprender sobre outras culturas e países europeos mediante a “gamificación”.

A acción informativa “Somos Moitos Tour: Xuventude 2030” achégase este martes 31 ao IES do Milladoiro

Multimedia

  • A acción informativa “Somos Moitos Tour: Xuventude 2030” achégase este martes 31 ao IES do Milladoiro