Solapas principales

As actividades organizadas durante a Semana Europea da Mobilidade tiveron unha boa acollida por parte da veciñanza amesá

Lunes, 23 de septiembre de 2019

O Concello de Ames desenvolveu a pasada semana unha serie de actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebrou do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camiña e pedalea de maneira segura”. Co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, circular e camiñar de forma segura, houbo actividades reivindicativas e de seguridade viaria, charlas nos institutos do concello, un concurso de debuxo, marchas e andainas familiares, etc. As actividade de Conduce seguro en bico pola cidade e Marcha familiar en patinete, patíns, skate, camiñando..., prevista para o sábado, houbo que suspendelas debido as inclemencias meteorolóxicas.

O programa deseñado polo Concello de Ames para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019 incluíu diferentes iniciativas. Así, o pasado luns, 16 de setembro, desenvolveuse o Parking Day, unha actividade reivindicativa do espazo público que consistiu en crear un xardín efémero por un día nunha praza de aparcamento. Esta actividade fíxose no Milladoiro, na rúa das Palmeiras, e en Bertamiráns, na rúa Pesqueiras.

Durante a semana tamén se impartiron charlas nos IES do concello baixo o título: “Conducir sen riscos, seguridade para todos” e “Como actuar ante un accidente de tráfico”. Ademais, organizouse un concurso de debuxo para rapaces e rapazas de 3 a 6 anos có slogan: “Como te desprazas polo teu concello”.

Por outra banda, o venres 20, ás 19:00 horas no aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro, os/as membros da Agrupación de Protección Civil de Ames impartiron un obradoiro no que se simulou un accidente de bicicleta e se impartiron nocións de como facer unha inmobilización e de primeiros auxilios. Ademais, o venres, 20 de setembro, ás 22:00 horas, fíxose unha marcha ciclista nocturna con saída e chegada na Praza do Concello, e pasando pola Condomiña, Sisalde e Agro do Muíño.

Por último, o domingo 22 de setembro, ás 10.30 horas, desenvolveuse unha andaina saudable pola senda verde que conecta as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. A saída realizouse dende a Igrexa nova do Milladoiro. Os/as participantes percorreron arredor de 7 quilómetros nos que puideron gozar de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso.

As actividade de Conduce seguro en bico pola cidade e Marcha familiar en patinete, patíns, skate, camiñando..., prevista para o sábado, houbo que suspendelas debido as inclemencias meteorolóxicas.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, destacou “a boa acollida que tiveron as actividades programadas para a Semana Europea da Mobilidade, a través das cales se pretendeu sensibilizar á veciñanza sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé”. A concelleira de Mobilidade agradeceu a implicación da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil.

Andaina saudable entre O Milladoiro e Bertamiráns

Multimedia

  • Andaina saudable entre O Milladoiro e Bertamiráns
  • Marcha ciclista nocturna con saída e chegada na Praza do Concello
  • Marcha ciclista nocturna con saída e chegada na Praza do Concello
  • Obradoiro no que se simulou un accidente de bicicleta
  • Obradoiro no que se simulou un accidente de bicicleta