Solapas principales

Adíanse as xornadas de “Volta ao cole co comercio” para os días 9 e 13 de setembro

Viernes, 02 de septiembre de 2022

Dende a Concellaría de Promoción Económica informan de que por mor das predicións meteorolóxicas que dan choiva para o luns 5 e martes 6 de setembro, vanse adiar as xornadas de “Volta ao cole co comercio” para o venres 9 de setembro no Milladoiro e o martes 13 en Bertamiráns. Trátase dunha campaña para dinamizar o comercio e a hostalaría local no comezo do curso lectivo. A iniciativa ofrecerá actividades ás nenas e nenos de 3 a 11 anos, das 17:00 ás 19:00 horas, e á mocidade dos 12 aos 18, das 19:00 ás 21:00 horas. Haberá diferentes actividade lúdicas e sortearanse arredor de 160 premios valorados en máis de 2.000 euros. É unha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Promoción Económica, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

As xornadas da campaña “Volta ao cole co comercio” teñen que pospoñerse uns días por mor da choiva. Deste xeito, está previsto que se realicen o venres 9 de setembro no Milladoiro e o martes 13 en Bertamiráns. Desenvolveranse na zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Serán dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría dos dous principais núcleos de Ames.

Trátase dunha iniciativa que organiza por primeira vez a Concellaría de Promoción Económica coa colaboración con XEA, e que se desenvolverán de 17:00 a 21:00 horas, con dúas franxas horarias diferenciadas.

En primeiro lugar, e ata ás 19:00 horas, será a quenda das nenas e nenos dos 3 aos 11 anos, mentres que na segunda metade do serán tomarán a remuda os mozos e mozas de 12 a 18 anos. Os rapaces e rapazas que asistan aos eventos poderá gozar de diversas actividades adaptadas ás diferentes idades, como inchables, xogos do mundo, coches a pedais, tiro con arco, escalada nun rocódromo con tirolina, ou mesmo un toro mecánico.

Todas estas propostas lúdicas estarán acompañadas do sorteo duns 160 premios, valorados en máis de 2.000 euros, e que inclúen agasallos de electrónica e vales de compra para establecementos relacionados coa volta aos centros de ensino, como por exemplo papelarías, librarías ou tendas de roupa para nenas e nenos.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “con esta proposta queremos seguir dinamizando as nosas rúas e tamén premiar aos nosos peque-veciños e veciñas, mozos e mozas, por estes dous anos de volta ao cole tan raros e duros. Coa volta aos centros de ensino as nais e pais invisten moito no comercio e á hostalaría local, por iso queremos un día de festa para as familias, que ademais sirva para seguir axudando ao noso tecido comercial”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adían polas tormentas a Volta ao cole co comercio"

Enfoques: "Ames atrasa su ‘Volta ao cole co comercio’ para los días 9 y 13 de septiembre"

AMSGO!: "Adíase ao 9 e 13 de setembro a ‘Volta ao cole co comercio’ de Ames"

Adíanse as xornadas de “Volta ao cole co comercio” para os días 9 e 13 de setembro

Multimedia

  • Adíanse as xornadas de “Volta ao cole co comercio” para os días 9 e 13 de setembro