Solapas principales

Adíase a II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto” para o sábado 29 e outubro

Martes, 18 de octubre de 2022

O Concello de Ames anuncia o cambio de data da Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”, cuxa celebración estaba prevista para este sábado 22 de outubro. Debido ás inclemencias meteorolóxicas anunciadas, a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente decidiu adiar o evento ao próximo sábado 29 de outubro. A feira celebrarse no campo da festa da parroquia de Trasmonte co obxectivo de recuperar os oficios ligados ao monte. Preme nesta ligazón para descagar o programa da Feira do Monte.

Este ano, a Feira do Monte cumpre a súa segunda edición na parroquia de Trasmonte. A cita supón unha aposta do Concello de Ames polo monte e pola necesidade de recuperar as actividades da zona rural. A feira busca valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte galego.
 
O programa comezará ás 11.30 horas coa apertura da feira. Este ano haberá o dobre de expositores respecto da anterior edición o que permite organizar un evento de maiores dimensións. Contarase con 12 mostras distintas, que recuperan vellas ocupacións do monte.

Expositores participantes
Entre os expositores, destacan sectores como a cosmética, apicultura, cestería, cereais, medicina natural, o porco celta, aceites e cogomelos. Deste xeito, durante todo o día haberá unha exposición de colmeas tradicionais e modernas a cargo da Asociación Galega de Apicultura. O persoal desta asociación tamén ofrecerá asesoramento ás persoas que llo soliciten, cata de meles e outros produtos apícolas.

Por outra banda, IXP Castaña de Galicia disporá dun posto no que ofrecerá información sobre a historia e tradición da castaña en Galicia. Ademais, haberá postos sobre froitos secos; unha exposición e degustación sobre aceites; unha mostra de extracción de resinas; outra degustación de diversos pans e de castañas, un obradoiro colaborativo de cestería; un posto de viveiro forestal e outro sobre cosmética e tratamentos naturais: cremas, locións, ungüentos terapéuticos.

Sobre os cogomelos haberá unha importante exposición de 12.00 a 13.00 horas e unha charla de 17.00 a 18.00 horas, a cargo do persoal da Asociación Estrada Micolóxica. Tamén se habilitará un stand sobre o porco celta e maila horta ecolóxica da aldea modelo de Osmo, en Cenlle, e ofrecerase un obradoiro cooperativo de 11.30 ás 19.00 horas, así, durante toda a xornada os visitantes elaborarán unha gran folla que quedará no Concello de Ames como recordo.

Ademais, a Deputación da Coruña contará cun stand de información e promoción turística no que se presentará a campaña “A provincia que sabe”.

Showcooking e presentación de Fisterra Bovine World
Entre as 13.30 e as 15.00 horas organizarase a presentación de Fisterra Bovine World, en colaboración con Discarlux e a Deputación da Coruña. A actividade incluirá un showcooking, invitarase a probar os pratos e ofrecerase unha visita guiada do proxecto, explicando os distintos métodos de cría da carne destinada a produtos gourmet. A iniciativa vén de recibir o premio á mellor chuleta de España.

Completan o programa dous proxectos propios do Concello de Ames, un deles sobre a repoboación de faixas de protección de incendios con autóctonas caducifolias e outro sobre a recuperación de camiños do monte. Estas exposicións inclúen ademais un viveiro de planta forestal.

Servizo de autobús
Ofrécese servizo de autobús para acudir ata o campo da festa de Trasmonte. Haberá dous horarios de saída dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 12.00 horas e ás 16.30 horas aproximadamente) e dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (ás 12.15 e ás 16.45 horas). Para volver dende Trasmonte haberá tres horarios distintos: ás 14.30 horas, 16.00 horas e 19.00 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adíase diante do mal tempo a II Feira do Monte ata o 29"

Adíase a II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto” para o sábado 29 e outubro

Multimedia

  • Cartaz da II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”
  • Programación da II Feira do Monte “Tanto monte, monte tanto”
  • Información sobre o servizo de autobús da Feira do Monte