- Tematica
A Xunta de Goberno local vén de aprobar o procedemento aberto simplificado cun único criterio de adxudicación e tramitación ordinaria das obras de rede de pluviais na travesía de Fontaldeiro e da Agra. O proxecto conta cun orzamento de execución por contrata de 174.050,47 euros.
A actuación ten coma obxectivo canalizar a gran cantidade de auga que se concentra en momentos de elevada pluviosidade, podendo provocar danos no propio pavimento das rúas e nas vivendas próximas, así como situacións de perigo para a seguridade viaria.
O alcalde de Ames considera que "estas obras son un avance para a zona que se atopa entre as rúas Fontaldeiro e Fragua, ademais de toda a contorna de Cantalarrana, xa que se vai a modificar todas as pluviais do entorno que están a ocasionar problemas coas fortes choivas. E, vaise a abrir un novo vial que permitirá unha comunicación mellor". Añade tamén o alcalde que está proxectada unha mellora do asfalto e a creación dunha senda desde Cantalarrana ata o límite municipal con Brión, "o que mellorará notablemente todo este entorno que xa forma parte do núcleo de Bertamiráns", conclúe Blas García.
Características da actuación
Instalarase unha rede pluviais de 255 metros en tubaxe de PVC Ø800 mm SN-4 e 195 metros, en tubaxe de PP Ø315 mm SN-8. A tubaxe de Ø800 contará con pozos de rexistro executados “in situ” de 1,2 metros de diámetro interior. Segundo a súa situación levarán sumidoiro ou non.
Na zona inicial da rede de pluviais executaranse dúas arquetas para colector de 800 metros con reixa de fundición. Este treito de rede conectarase á canalización de alivio existente no inicio da rúa da Agra. No canto da tubaxe de Ø315 milímetros executaranse arquetas sumidoiro e conectarase parte á rede anteriormente descrita e parte a rede feita en actuacións anteriores polo Concello no final da Travesía de Fontaldeiro.
Cando a tubaxe estea situada na zona de cuneta da vía municipal executarase unha cuneta revestida de seguridade de 1,8 metros de anchura máxima, que permitirá a condución superficial das augas de escorrenta e a posibilidade de tránsito de peóns.
En canto as reposicións contémplase o acondicionamento das parcelas polas que discorre o trazado da rede, así como a reposición do firme das zonas afectadas e a reposición da sinalización horizontal e vertical afectada.
Tamén se contempla a execución dun muro de contención duns 45 metros que permitirá conter un treito de ampliación do viario existente para xerar prazas de aparcamento e unha zona de paso para os peóns.
Cesión dos terreos
Dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos estiveron traballando para conseguir habilitar un novo tramo de vía pública en Bertamiráns co obxectivo de conectar a rúa da Agra coa Travesía do Fontaldeiro e coa rúa da Fragua. Isto materializouse o pasado 18 de agosto co acordo que subscribiu o Concello de Ames co propietario das parcelas por onde discorrerá dito viario. O novo tramo de vía que se abrirá o tráfico na Travesía da Agra contará cunha lonxitude de 100 metros e un ancho superior aos 7 metros, correspondendo a súa superficie coa cualificada polo planeamento xeral vixente coma viario público do núcleo urbano de Bertamiráns.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames adjudica por 174.000 euros la canalización de pluviales en Cantalarrana"
El Correo Gallego: "Adxudicadas as obras de pluviais na travesía da Agra e Fontaldeiro"