- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de acondicionamento da AC-544 dende a intersección da avenida da Maía ata o PQ 0+610. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones y obras Taboada Ramos SLU por 77.899,84 euros. Este proxecto enmarcase dentro do convenio coa Xunta de Galicia para a cesión desta vía ao Concello de Ames. As obras teñen por obxecto a mellora do pavimento da calzada, das beiravías e das zonas de estacionamento nunha lonxitude de 610 metros.
O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas coa mellora da pavimentación da AC-544. Trátase da avenida da Peregrina, concretamente do treito que comprende dende a intersección coa avenida da Maía ata a rúa do Bosque.
As actuacións contempladas no presente proxecto están encamiñadas á mellora da capa de rodaxe da AC-544, así como ao restablecemento das súas características resistentes e de acabado superficial nunha lonxitude aproximada de 610 metros. Previo ao inicio da pavimentación será preciso executar un fresado de 5 cm de espesor a toda a superficie de actuación. A continuación, procederase á reposición da capa de rodaxe dos carrís, beiravías e bandas de estacionamento.
A mellora completarase coa sinalización horizontal do treito de actuación, mediante a reposición das liñas existentes, pintado de vaos, zona de carga/descarga, prazas de aparcamento para persoas de mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas. Tamén se contempla a posta a cota de sumidoiros, arquetas e pozos. Estas obras de acondicionamento da AC-544 foron adxudicadas pola Xunta de Goberno Local á empresa Construcciones y obras Taboada Ramos SLU por 77.899,84 euros.
Previamente, no pleno ordinario de marzo de 2022 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para que o tramo urbano da AC-544, que discorre pola avenida da Peregrina (entre a rotonda da avenida da Maía e a rotonda da AG-56) sexa de titularidade municipal. En dito convenio tamén se recolle a execución de obras de acondicionamento da avenida da Peregrina.
Carreiro escolar de Bertamiráns
A adxudicación desta obra complementa os traballos levados a cabo na avenida da Peregrina coa creación do carreiro escolar. O proxecto, adxudicado á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL, tivo un orzamento de máis de 190.000 euros e estivo cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O sendeiro parte do cruzamento da avenida da Maía coa propia avenida da Peregrina e dispón dun ancho aproximado de tres metros.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “as sucesivas reparacións do pavimento levadas a cabo na calzada da avenida da Peregrina provocaron a elevación da súa rasante, polo que é moi necesario executar estes traballos de acondicionamento da capa de rodaxe. O Concello quere mellorar tamén a seguridade de todo o tramo desta vía, e en especial do entorno do CEIP da Maía e do IES de Bertamiráns”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames adjudica obras de mejora de la avenida da Peregrina, en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Acondicionarán el firme elevado en la salida viaria de Ames a Negreira y Costa da Morte"
Ames Go: "Adxudicado o acondicionamento da Avda. da Peregrina por case 78.000 euros"