- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de asfaltado da urbanización Peregrina, situada ao norte do núcleo urbano de Bertamiráns. As obras, incluídas dentro do Plan Ames Progresa 2021-2023, foron adxudicadas á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones por un importe de 68.487,31 euros (IVE incluído). Ditos traballos teñen como obxectivo a reparación das rúas Bosque e Acacias. Está previsto que nas vindeiras semanas, cando a climatoloxía o permita, se executen os traballos de asfaltado.
O Concello de Ames segue realizando melloras nas súas redes viarias, desta volta co asfaltado das rúas Bosque e Acacias da urbanización Peregrina, en Bertamiráns. A adxudicación das obras foi aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 4 de novembro, por importe de 68.487,31 euros (IVE incluído) á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones S.A.
En ambas rúas será executada unha nova capa de rodaxe, aplicando unha mestura de asfalto en quente ao longo de ambos treitos. No caso da rúa Bosque, empregarase o mesmo tratamento sobre os treitos de formigón xa existentes, e colocarase unha canle con reixa no acceso leste á vía. As actuacións completaranse co pintado da correspondente sinalización horizontal.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, dixo que “dita actuación, recollida no Plan Ames Progresa 2021-2023, súmase á recente adxudicación das obras de asfaltado da urbanización de Aldea Nova por 223.000 euros. Seguimos traballando e mellorando moitos núcleos, facendo que sexan lugares atractivos para vivir, e avanzando coas actuacións do Plan Ames Progresa. Nesta caso vamos a mellorar o pavimento das rúas da urbanización Peregrina”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A urbanización Peregrina renovará a capa de rodaxe"