- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 9 de decembro a adxudicación do proxecto de pavimentación do viario interior do núcleo das Buceleiras, na parroquia de Bugallido. As devanditas obras foron adxudicadas á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por un importe de 242.500 euros. O proxecto, que está incluído no Plan Ames Progresa 2021-2023, inclúe actuacións en arredor de dous quilómetros de treitos, con reformas no asfalto e no pavimento, reparación de fochancas e sendas peonís. Está previsto que nas vindeiras semanas, cando a climatoloxía o permita, se executen os traballos.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, vai realizar un importante investimento no lugar das Buceleiras, na parroquia de Bugallido, para mellorar as súas infraestruturas. A Xunta de Goberno Local do 9 de decembro aprobou a adxudicación do proxecto de pavimentación do viario interior deste núcleo amesán. As devanditas obras foron adxudicadas á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA, por un importe de 242.500 euros.
Neste senso, actuarase ao longo de arredor de dous quilómetros de accesos e vías interiores do núcleo, repartidos en varios treitos de actuación. Na parte sur do núcleo, ao longo dunha superficie de 1.130 metros cadrados, levarase a cabo a execución dun novo pavimento de formigón con lastras de granito, baixo os que se executarán redes de drenaxe e de alumeado público.
Na parte central e leste das Buceleiras executaranse novas capas de rodaxe con aglomerado asfáltico, que inclúen a reparación de fochancas e, nalgúns tramos nos que sexa posible, a ampliación do viario mediante sobreanchuras.
Ademais, crearanse varias sendas peonís de formigón, que suman un total de 555 metros de treitos. Por último, na parte norte realizarase limpeza de marxes e unha nova plataforma de formigón. As actuacións pecharanse coa sinalización horizontal e cinco sinais de stop.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou “a aposta que este Goberno fai polo rural amesán, no que se está traballando e mellorando en moitos núcleos, ademais doutros investimentos importantes como o alumeado led ou a mellora dos servizos. A través de ditas melloras tratamos de que os nosos núcleos sexan lugares atractivos para vivir. Ademais, avanzamos co Plan Ames Progresa, co que seguimos coas actuacións nas vías e infraestruturas do rural”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Adjudicadas mejoras en Buceleiras, en Ames, por 242.000 euros"
El Correo Gallego: "Invisten un cuarto de millón para pavimentar a aldea das Buceleiras"
Lindeiros: "Obras de mellora nos viarios da aldea de Buceleiras, no concello de Ames"